Decomisan 65 toneladas de fletán ao pesqueiro galego Villa Nores

Marín
20 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O peixe, que procede do caladoiro de Terranova, foi confiscado tras a inspección realizada polo servizo de Agricultura e Pesca da Subdelegación entre os días 29 e 31 de xaneiro. A inspección iniciouse tras arribar o buque ao porto de Vigo cunha alerta lanzada por parte dunha observadora oceanográfica

Peixe decomisado en Vigo ao Villa Nores

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra entregou ao Banco de Alimentos de Vigo as 65 toneladas de fletán conxelado que foron comisados a bordo do pesqueiro galego Villa Nores, da mesma casa armadora que o Villa de Pitanxo.

O peixe, que procede do caladoiro de Terranova, foi confiscado tras a inspección realizada polo servizo de Agricultura e Pesca da Subdelegación entre os días 29 e 31 de xaneiro.

A inspección iniciouse tras arribar o buque ao porto de Vigo cunha alerta lanzada por parte dunha observadora oceanográfica sobre a posible presenza de aleta de quenlla vinculada a mariñeiros de orixe indonesia presentes na tripulación.

Nesta revisión participaron tamén inspectores do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación chegados desde Madrid e no seu transcurso as autoridades acharon 65 toneladas de exceso na cota do fletán.

Estes feitos provocaron que se levantara contra o barco unha acta de sanción por infracción grave da Lei de Pesca Marítima. 

O excedente de capturas foi repartido no Banco de Alimentos de Vigo, porque conta con conxeladores industriais para poder almacenalo de maneira correcta.

Nos próximos días repartirase a outros bancos de alimentos, comedores sociais e entidades benéficas de toda Galicia, dado que se trata dunha gran cantidade de peixe.