Decretan o "interese público" do polígono da Granxa do Vao para salvar as trabas da Xunta ao proxecto

Pontevedra
25 de xuño 2014

Antón Louro confía en que, desta volta, se atope toda a colaboración necesaria na Xunta de Galicia para que o proxecto empresarial poida saír adiante. De ser así, o Concello de Pontevedra agarda que todos os trámites necesarios para este proxecto estean completados antes do próximo Nadal

Sinatura do protocolo entre o Concello de Pontevedra e os propietarios da Granxa do Vao
Sinatura do protocolo entre o Concello de Pontevedra e os propietarios da Granxa do Vao

O polígono de industria escaparate da Granxa do Vao é unha iniciativa urbanística "dun interese público evidente que dimana da escaseza de solo industrial neste termo municipal". Así se subliña no protocolo que o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asinou cos propietarios do ámbito, documento co que se dá cumprimento a unha das observacións formuladas no informe previo negativo emitido pola Xunta o pasado mes de marzo.

Este informe previo, que demorou o procedemento de modificación puntual do plan urbanístico de Pontevedra, esixía que se xustificara o interese público da recualificación. O protocolo asinado este mércores con Ceferino Nogueira, Serafín Piñeiro e Joaquín Cochón (empresarios propietarios de case o 96% da superficie do sector) salva esta formalidade e declara a pretendida modificación puntual como unha ⿿actuación privada concertada⿝.

Con este protocolo, o Concello de Pontevedra queda comprometido, entre outras cosas, a tramitar a modificación do PXOU diante da Xunta ou interesar do goberno galego a redución da franxa de protección de costas dos 200 metros aos 100 metros. Pola súa banda, os propietarios do polígono están obrigados a entregar varias parcelas ao concello, financiar as posibles expropiacións ou a solicitar as licenzas correspondentes.

Esta modificación puntual do PXOU será aprobada no Pleno municipal de xullo. Tras este trámite, a Xunta de Galicia deberá volver a informar sobre este expediente. Antón Louro confía en que, desta volta, se atope toda a colaboración necesaria na Xunta de Galicia para que o proxecto empresarial poida saír adiante. De ser así, o Concello de Pontevedra agarda que todos os trámites necesarios para este proxecto estean completados antes do próximo Nadal.

DETALLES DO PROXECTO

O polígono industrial da Granxa do Vao está previsto no PXOU dende 1989, cunha superficie de 161.760 metros cadrados distribuídos a ambos lados da estrada de Vilagarcía, que a divide en dous subsectores. O primeiro xa está executado e o segundo resultou moi afectado pola ampliación da estrada, a execución da AP-9 e mesmo polo Plan de Ordenación do Litoral. Finalmente, a súa superficie quedou reducida a 42.423 metros cadrados.

Trátase de desenvolver, segundo Louro, un polígono que xa estaba previsto no PXOU, "pero é necesario afrontar unha recualificación polos profundos cambios sufridos na súa configuración por cuestións totalmente alleas aos propietarios".

Os promotores, vinculados maioritariamente ao Grupo Nogueira, Caenor e Joaquín Cochón, teñen asinados preacordos de reserva de espazo con empresas como Decathlon, McDonald´s, Kiabi, Aki, Lidl, Norauto ou La Marca para implantarse alí e crear máis de 300 postos de traballo.

Arquivado en