O proxecto do polígono comercial do Vao, promovido pola inmobiliaria Ponteno, ven de obter autorización de Augas de Galicia. A complicada tramitación desta iniciativa empresarial iniciouse no ano 2002 e parece non chegar nunca ao seu fin.
Entre outras razóns, este polígono de uso mixto comercial, aínda que está contemplado no Plan Xeral de Pontevedra desde o ano 1989, está afectado pola autoestrada e pola estrada de Vilagarcía.
Segundo informa o Diario de Pontevedra na súa edición deste domingo, o informe sectorial de Augas de Galicia fora solicitado o pasado mes de agosto, cinco meses despois de que o proxecto tivese luz verde por parte do Concello.
Concretamente a promotora Ponteno pedía a este organismo autónomo adscrito á Consellería de Infraestruturas, que lle dese permiso para entubar un pequeno regato que atravesa a parcela, pero Augas de Galicia obriga a deixar o leito ao aire libre e só permite cubrir o treito que une o polígono coa estrada de Vilagarcía.
Augas de Galicia tamén sinala que neste ámbito de actuación non existen zonas protexidas nin tampouco zonas inundables que deban ser tidas en conta. O abastecemento e o saneamento do polígono son aspectos que tampouco supoñen un problema debido a que están canalizados á rede municipal.
O pasado 27 de febreiro a Consellería de Cultura xa emitiu o seu informe no que autorizaba o proxecto de control arqueolóxico que fora solicitado tres meses antes.
Agora é o Concello de Pontevedra o que debe aprobar definitivamente o Proxecto de Urbanización.
Probablemente, Ponteno terá que solicitar á Xunta unha prórroga da autorización para urbanizar que foi concedida no 2018 e ten unha vixencia de dous anos.
Entre as empresas que estarían interesadas en instalarse figuran a multinacional JYSK dedicada aos mobles e ao enxoval, a firma de roupa e material deportivo Decathlon, Norauto e Leroy Merlin no ámbito da automoción e a bricolaxe, respectivamente, McDonald's e Vegalsa-Eroski do sector da alimentación, e Tiendanimal.