Defensa inicia o procedemento de resolución de contrato coa empresa Cleanet

Pontevedra
14 de xaneiro 2015
Actualizado: 22:03

Nun comunicado oficial o Ministerio informa que tomou esta determinación a partir do incumprimento por parte da empresa das obrigas que lle corresponden conforme ao prego de cláusulas, incluídos os referentes ao respecto pola súa parte das disposicións en materia laboral

O Ministro de Defensa, Pedro Morenés, na Escola Naval de Marín
O Ministro de Defensa, Pedro Morenés, na Escola Naval de Marín / PontevedraViva

O Ministerio de Defensa decidiu iniciar un procedemento de resolución da relación contractual que o une coa empresa de limpeza Cleanet. Nun comunicado oficial o Ministerio informa que tomou esta determinación a partir do incumprimento por parte da empresa das obrigas que lle corresponden conforme ao prego de cláusulas, incluídos os referentes ao respecto pola súa parte das disposicións en materia laboral.

O non pagamento das nóminas de traballadores da empresa levou estes a emprender unha folga. O Ministerio de Defensa mantivo frecuentes contactos coa empresa en busca dunha solución satisfactoria para os traballadores e para as partes concernidas no contrato, sen que esta se alcanzase.

O Ministerio ten a intención de celebrar un novo Acordo Marco, tras a resolución do que hoxe está en vigor, de maneira que os futuros contratos de limpeza que se adxudiquen con base neste novo Acordo incorporen as cláusulas oportunas para reforzar aínda máis a protección dos dereitos dos traballadores, incluída a subrogación da nova empresa adxudicataria nos contratos laborais subscritos con Cleanet.

MOBILIZACIÿN EN MADRID

O persoal pontevedrés de Cleanet, empresa concesionaria da limpeza das dependencias militares, desprazarase este xoves a Madrid para reclamar o pago dos salarios pendentes cunha protesta diante do Ministerio de Defensa.

A concentración para reclamar o pago das nóminas pendentes terá lugar diante da sede do Ministerio a partir das 11.00 horas e nela participarán traballadoras e delegados sindicais da CIG, CCOO, UGT e do sindicato vasco ELA.

Dende a federación de Servizos da central nacionalista explican que solicitaron unha entrevista co ministro de Defensa, Pedro Morenés, para abordar o conflito laboral derivado do impago de nóminas por parte da compañía.