Defensa recoñece o "apoio incondicional" do Liceo Casino

Pontevedra
05 de maio 2017

O Día da Subdelegación de Defensa, que cada ano recoñece a contribución de persoas e institucións dos ámbitos militar e civil á difusión da cultura de defensa, converteuse este venres nunha homenaxe ao labor do Liceo Casino de Pontevedra, que recibiu unha placa conmemorativa en agradecemento

Día da Subdelegación de Defensa 2017
Día da Subdelegación de Defensa 2017 / Mónica Patxot

O Día da Subdelegación de Defensa, que cada ano recoñece a contribución de persoas e institucións dos ámbitos militar e civil á difusión da cultura de defensa, converteuse este venres nunha homenaxe ao labor do Liceo Casino de Pontevedra, que recibiu unha placa conmemorativa en agradecemento á súa colaboración e apoio. 

O delegado de Defensa en Galicia, Juan Carlos Sancha Orduña, e o subdelegado en Pontevedra, Ángel de Miguel, agradeceron o "apoio incondicional" do Liceo Casino, representado no acto nas instalacións castrenses polo seu presidente, Jaime Olmedo Suárez-Vence

A Subdelegación de Defensa entregou condecoracións e recompensas a persoal militar con accións destacadas no último ano, diplomas ao persoal reservista voluntario e o premio á gañadora provincial da cuarta edición do concurso escolar 'Carta a un militar español'. Esta última, a alumna de primeiro de bacharelato do instituto Frei Martín Sarmiento de Pontevedra María Regueira Ruibal, foi reconocda por un traballo centrado en Maía Pita como heroína e o seu colexio recibiu un diploma acreditativo.

Ao acto asistiron, entre outros, o xeneral xefe da Brilat, Antonio Romero; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz; e os máximos responsables da Garda Civil e a Policía Nacional na provincia, Miguel Estévez e Manuel Bouzas. Ao seu termo, o anfitrión na Subdelegación de Defensa, Ángel de Miguel, asegurou que se senten moi vencellados á sociedade civil pontevedresa e integrados na mesma por varios motivos, entre eles, porque "nos nutrimos da xente de Pontevedra, fundamentalmente, e galega en xeral" para engrosar o seu 'persoal'. 

O proceso de selección para o recrutamento de persoal militar completou a semana pasada a súa primeira fase con 600 candidatos en Pontevedra que se examinaron para entrar a formar parte das Forzas Armadas. Unha vez finalizado, constatouse un freo na tendencia dos últimos anos ao incremento do número de candidatos e que o principal destino para o que solicitan praza é a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat).