Demanda de socorristas para as praias de Marín

Marín
13 de xuño 2022

A praia de Mogor acolleu na mañá deste luns a primeira proba para elexir o persoal de socorrismo que traballará para garantir a seguridade dos areais este verán. Para cubrir toda a demanda, solicitáronse 63 persoas, co obxectivo de contratar a 21 socorristas, tres patróns e un coordinador. Só se presentaron 23

Persoas preparadas para nadar en Mogor
Persoas preparadas para nadar en Mogor / Concello de Marín - Arquivo

O Concello de Marín quere contratar para este verán a 21 socorristas, tres patróns e un coordinador. Este luns iniciábanse as probas ás persoas aspirantes a eses postos na praia de Mogor. 

Das 63 persoas solicitadas para cubrir os postos presentáronse 23 e un deles foi excluído, segundo informa o goberno local. Por este motivo, a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, explicaba que mesmo no caso de que todas estas persoas superasen as probas, sería imposible cubrir todas as prazas ofertadas. 

Desta forma, está previsto que nos próximos días se realice unha nova convocatoria do proceso selectivo. Acuña indicou que o obxectivo é ter listas as contratacións na última semana de xuño coa idea que os areais xa contasen nesas datas co servizo activo.

As probas nesta xornada consistiron nunha carreira de 150 metros pola area para, a continuación, nadar 250 metros con equipo de salvamento. Os patróns realizaron a proba coñecida como "home á auga". 

Segundo indican desde o Concello, as tarefas que terán que realizar estes socorristas serán as de garantir a seguridade das persoas que acudan ás praias, previr situacións potencialmente perigosas, vixiar e intervir #ante un accidente ou unha situación de emerxencia. 

No caso dos patróns, o traballo incluirá as tarefas propias dos socorristas e o manexo de embarcacións de salvamento e o seu coidado, ademais de operacións básicas de mantemento deste material. Por último, a persoa coordinadora deberá encargarse de organizar o servizo, establecendo o calendario de traballo e a dotación de material. Tamén terá que recoller datos para elaborar  estadístas; e informar ao  Concello de calquera incidencia, anomalía ou necesidade de material.