Demandan axilidade nas tramitacións de Patrimonio para evitar a perda de axudas de ata 100.000 euros

Pontevedra
01 de marzo 2019

Representantes da Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres, que contan co apoio do goberno local de Vilaboa, concentráronse ante a delegación da Xunta de Galicia. Denuncian que se van perder investimentos importantes en traballos silvícolas se non se resolven xa os recursos presentados para o Parque das Barreiras

Protesta dos comuneiros de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) ante a Xunta de Galicia PontevedraViva

Unha representación dos comuneiros de Santa Cristina de Cobres en Vilaboa concentrábanse este venres cunha pancarta ante a delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra. Reclaman que Patrimonio resolva canto antes o recurso contra a resolución do Parque das Barreiras na que ese departamento esixía máis medidas coa inclusión dun proxecto arqueolóxico, xa que os traballos se realizaran nas proximidades de restos arqueolóxicos. 

Desde a Comunidade de Montes sinalan que precisan que a autorización sexa inmediata para afrontar traballos silvícolas nunha superficie de 43 hectáreas. Sinalan que Patrimonio se demorou oito meses en sacar unha resolución e xa no caso do parque forestal de  Cotorredondo víronse obrigados a renunciar á execución do proxecto. Só grazas a un remanente de fondos da  Deputación, os comuneiros puideron presentalo de novo.

Sinalan que con este atraso pódese perder unha axuda de 50.000 euros, que sumada á de  Cotorredondo alcanzaría os 100.000 euros para estes traballos de plantacións, que dan emprego a un mínimo de 10 persoas. Contan ademais cun límite de tempo xa que o 30 de xuño debe estar executada a actuación.

Por este motivo alertan á administración de que continuarán realizando concentracións ata que conten cunha resolución que lles permita afrontar estas accións. En caso contrario, presentarán unha demanda xudicial.

TRÁNSITO ILEGAL POLOS MONTES

Critican tamén que non se adopte desde a Xunta algunha medida para evitar a circulación de quads e motos que atravesan libremente os montes. Denuncian que instalaron sinais de prohibición de circulación para este tipo de vehículos pero foron arrincadas. 

Sinalan que estes medios de transporte están a deteriorar as mámoas na zona de Chan da Armada.