Demoler e tratar os residuos de formigón do Balneario suporá un gasto de 700.000 euros

Ponte Caldelas
21 de setembro 2021

 O Concello está a realizar labores de limpeza na parcela e na estrutura de formigón. Ademais, segundo o goberno local, se executaron medicións topográficas de cara ao proxecto definitivo, que optará a Fondos Europeos

O alcalde de Ponte Caldelas visita a zona onde permanecen os restos de formigón do proxecto termal inconcluso
O alcalde de Ponte Caldelas visita a zona onde permanecen os restos de formigón do proxecto termal inconcluso

A iniciativa privada quedou paralizada con motivo da pandemia, pero o Concello de Ponte Caldelas traballa no proxecto de creación da Estación Termal, que optaría a axudas económicas procedentes de Fondos Europeos, segundo informan desde o goberno de Andrés Díaz.

Operarios municipais realizan durante os últimos días tarefas de limpeza na parcela, eliminando maleza e retirando restos de materiais que se atopaban na estrutura de formigón da obra abandonada no ano 2008, naquelas datas a empresa construtora crebaba e a propiedade quedou en mans de  Sareb, a sociedade de xestión de activos procedentes da reestruturación bancaria.

O alcalde sinala que a "desastrosa xestión do anterior goberno pagarémola cara, todos, durante moito tempo", afirmou na súa visita á zona, onde se acometen medicións topográficas de fronte ao proxecto das Termas. Os cálculos iniciais de demolición e tratamento dos residuos daquel proxecto inconcluso elévanse a 700.000 euros.

Andrés Díaz lamenta a perda o "espectacular edificio de pedra" do Balneario e mantén o seu  objetvio de recuperar o prestixio de vila termal para o municipio. "Non vou parar ata conseguilo", afirma.