A Estación Termal de Ponte Caldelas pronto será unha realidade: "É un empeño persoal meu e non pararei ata conseguilo"

Ponte Caldelas
23 de abril 2022

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, insiste en que se trata dun "proxecto realista, feito con rigor, seriedade e convencemento e cun custo asumible, pois de non conseguir fondos europeos, poderiamos incluso executalo con fondos propios. As Termas de Ponte Caldelas serán unha realidade. É un empeño persoal meu e non pararei ata conseguilo

Proxecto da Estación Termal de Ponte Caldelas
Proxecto da Estación Termal de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A Estación Termal de Ponte Caldelas pronto será unha realidade. Segundo avanzou o Concello, esta semana ultimaron co estudo de arquitectura Santos-Mera o proxecto definitivo do complexo termal e nas vindeiras semanas será presentado á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra co fin de optar a Fondos Europeos.

Este proxecto ascende a uns 1,5 millóns de euros onde se contabiliza o custo da demolición da actual estrutura abandonada e dos recheos necesarios. O alcalde do municipio, Andrés Díaz, insiste en que se trata dun "proxecto realista, feito con rigor, seriedade e convencemento e cun custo asumible, pois de non conseguir fondos europeos, poderiamos incluso executalo con fondos propios. As Termas de Ponte Caldelas serán unha realidade. É un empeño persoal meu e non pararei ata conseguilo".

Tras varios anos abandonado, en 2020 o Concello dispuxo de todas as autorizacións para realizar esta obra coa que devolverán a Ponte Caldelas "o seu prestixio termal". O edificio será de pedra, sostible, integrado co entorno e aberto ó Río Verdugo. Na planta alta, con acceso dende a Avenida de Vigo, disporá dunha zona de restauración, mentres que na parte baixa aglutinará todo o espazo termal, tanto interior como exterior, no que se contemplan varias piscinas de diverso tamaño.

"A Estación Termal farase realidade porque traballamos con rigor, con seriedade, responsabilidade e, ante todo, cos pés na terra", explica Andrés Díaz, quen recalca que o proxecto que se presenta é "sensato, respectuoso co entorno no que se sitúa a carón do Río Verdugo" e que "coa súa posta en marcha suporá o impulso que precisa Ponte Caldelas a nivel económico e turístico e que, sobre todo, devolverá á vila o prestixio termal que nunca debeu perder".