Denuncia de Vaipolorío contra Red Eléctrica Española pola corta de vexetación de ribeira en Bertola

Vilaboa
21 de outubro 2021

A asociación ecoloxista que realiza a limpeza do río Gafos presentaba esta denuncia ante a Consellería de Medio Ambiente e Augas de Galicia por esta intervención que eliminou vexetación de maneira "indiscriminada" en ambas marxes do río Gafos ao longo de 50 metros

Vaipolorío denuncia a corta realizada por Red Eléctrica Española
Vaipolorío denuncia a corta realizada por Red Eléctrica Española / Asociación Vaipolorío

Xosé Manuel Feijoó Bernárdez, secretario da asociación Vaipolorío, presentaba nas últimas horas unha denuncia contra a empresa Red Eléctrica Española como causante dunha corta de vexetación de ribeira na contorna do río Gafos, ao seu paso por Bértola, no municipio de Vilaboa, onde o colectivo ecoloxista realiza traballos de limpeza e mantemento da contorna natural.

Segundo a denuncia presentada #ante Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta actuación realizábase nas proximidades dun poste de tendido eléctrico desta empresa. Esa limpeza conlevou a eliminación de maneira "indiscriminada" de vexetación ripícola nas dúas marxes do río ao longo de 50 metros seguindo os terreos polos que atravesa a liña.

Vaipolorío entende que esta intervención non respectou o disposto na Lei 7/92 de Pesca Fluvial nin o decreto do Regulamento de Ordenación de Pesca Fluvial e dos Ecosistemas Acuáticos Continentais.

Consideran que non se respectaron os catro metros de altura que debe manter a vexetación arbórea de ribeira e os traballos centráronse en realizar unha corta a rentes do chan, destruíndo o bosque de galería nas dúas marxes, co prexuízo que supón para o desprazamento da fauna e flora ligada ao ecosistema fluvial, segundo consta na denuncia presentada por rexistro.

Ademais, Xosé Manuel Feijoó afirma que esta corta non é a primeira vez que se produce e a asociación xa presentara outra denuncia por danos similares nese mesmo espazo.