Denunciado un veciño de Poio por matar un gato cunha escopeta de aire comprimido

Poio
28 de outubro 2021

A Policía Local de Poio abría dilixencias contra este home como presunto autor dun delito de maltrato animal coa agravante de utilización de arma de fogo. Segundo as investigacións, o gato tiña unha bala no abdome que lle causou a morte. Xa en 2020 se rexistrara outra denuncia pola morte doutro felino na contorna da vivenda do veciño investigado

Radiografía onde se observa o balote no corpo do animal falecido
Radiografía onde se observa o balote no corpo do animal falecido / Policía Local de Poio

O martes 19 de outubro, a Policía Local de Poio recollía unha denuncia dun veciño do municipio por un delito de mal trato animais. O denunciante afirmaba que unha persoa matara ao seu gato dun disparo. O animal presentaba unha ferida de bala no abdome.

Non era a primeira denuncia deste tipo que se producía na zona, xa que en 2020 os axentes recibiron outra denuncia similar pola aparición doutro gato morto polas mesmas causas.

A partir deste último suceso, a Policía Local iniciaba unha serie de xestións para comprobar a existencia dalgunha arma na zona próxima á vivenda do propietario do gato morto.

Estas xestións permitiron localizar a un veciño de Poio que posúe unha escopeta de aire comprimido. Trátase dunha arma cun calibre de 6'35, o maior permitido para este tipo de escopetas. Manexar este artefacto obriga a contar cunha tarxeta de cuarta categoría expedida polo Concello de Poio. O portador da escopeta carecía desta tarxeta.

A través da colaboración dun veterinario que realizou a radiografía do gato morto, os axentes comprobaron que o balote que causou o seu falecemento atopábase no interior do corpo e verificaron que a munición era do mesmo calibre que a da escopeta do veciño identificado previamente.

O presunto autor entregou a escopeta aos axentes e recoñeceu a súa autoría, cando tivo coñecemento das investigacións. A Policía Local de Poio abriu as dilixencias contra este veciño como presunto autor dun delito de mal trato animal, co agravante de utilizar un arma de fogo.