A Policía Local de Sanxenxo denunciou durante a primeira quincena de xullo 32 pesonas por ouriñar na rúa, unha infracción que leva o pago dunha sanción de 90 euros.
Segundo os datos facilitados polo Concello, durante os primeiros 15 días do mes actual tamén se formularon 131 denuncias a persoas que estaban a facer botellón, que deberán pagar unha multa de 200 euros; e 22 a persoas que se viron implicadas en pelexas ou cometeron desobediencia policial.
Nove denuncias por consumo de drogas na vía pública (conduta sancionada con 600 euros) e sete contra locais que incumpriron o horario de peche e deberán pagar entre 300 e 600 euros de multa completan a lista de sancións que fixo pública a Policía Local.
Estas sancións saíron á luz tras a reunión celebrada este martes entre o Concello, a Policía Local, a Garda Civil e a asociación de taxistas para analizar o operativo de seguridade da movida nocturna que se puxo en marcha esta fin de semana na localidade. Todas as partes coinciron en que a maior presenza da policía disuadiu os comportamentos incívicos e os problemas de seguridade e o goberno local declárase "moderadamente satisfeito" co dispositivo.
O Concello tamén aproveita para lembrar aos propietarios dos locais de copas que deben involucrarse máis e contribuír a mellorar a calidade do lecer nocturno con medidas como respectar os horarios de peche e preocuparse de que os ruídos que xeran os seus negocios non prexudiquen o descanso de veciños e visitantes.
O goberno local anuncia xa que vai ser moi firme e constante na mellora da seguridade do lecer nocturno. Este verán puxeron en marcha todo o que era posible en tan pouco tempo, pero aproveitarán o inverno para seguir mellorando. "Hai que ter en conta que os excesos da movida veñen de anos e, por tanto, corrixilos totalmente levará tempo", lembran, pero están convencidos de que Sanxenxo volverá ter un lecer nocturno ordenado e de calidade.