Sanxenxo ultima a ordenanza para a posta en funcionamento de cámaras de vídeo vixilancia

Sanxenxo
20 de setembro 2017

O obxectivo de redacción desta ordenanza débese á previsión de posta en funcionamento de cámaras de vídeo vixilancia que "garantan a seguridade" de diversas instalacións municipais e espazos públicos, para "conseguir salvagardar o patrimonio municipal"

Cámara de video vixiancia
Cámara de video vixiancia / Josealoly

Este mércores celebrouse no Concello de Sanxenxo a Comisión Informativa de Asuntos Xerais previa ao pleno do próximo día 25. Nela presentou a ordenanza municipal para a creación dun ficheiro de datos de carácter persoal denominado vídeo vixilancia, que constará de nove artigos e un anexo.

Previamente a esta comisión no pleno do 31 de xullo pasado, este asunto quedou sobre a mesa, por falta dun informe de secretaría que complete o expediente.

Na relación de artigos da ordenanza, sinálase a responsabilidade dos ficheiros creados, as medidas de seguridade e o tratamento dos datos persoais que neles aparecen e a conservación e acceso aos mesmos.

O obxectivo de redacción desta ordenanza débese á previsión de posta en funcionamento de cámaras de vídeo vixilancia que "garantan a seguridade" de diversas instalacións municipais e espazos públicos, para "conseguir salvagardar o patrimonio municipal".

No Consello de Nauta do pasado mes de xullo, aprobouse xa a instalación de 10 cámaras no recinto do porto deportivo, coa intención de mellorar os medios que garantan a seguridade na contorna do porto e, en especial, no espazo no que se atopan situados os locais de copas.

O concello considera que estas cámaras son "un instrumento moi eficaz para mellorar a seguridade no día a día nos edificios públicos e en eventos que concentran unha gran afluencia de xente".

Unha vez aprobada esta ordenanza, entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.