Sae publicada a ordenanza reguladora da vídeo vixilancia en Sanxenxo

Sanxenxo
03 de xaneiro 2018

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste mércores publica a aprobación definitiva da ordenanza reguladora do Concello de Sanxenxo para a creación dos ficheiros de datos de carácter persoal denominados "vídeo vixilancia"

Reunión de Telmo Martín co plantel da Policía Local
Reunión de Telmo Martín co plantel da Policía Local / Concello de Sanxenxo

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste mércores publica a aprobación definitiva da ordenanza reguladora do Concello de Sanxenxo para a creación dos ficheiros de datos de carácter persoal denominados "vídeo vixilancia".

O goberno local ten prevista a instalación de diversas cámaras en instalacións municipais como garantía de seguridade nos espazos públicos, o que fai necesaria a regulación da creación e o funcionamento do ficheiro, que almacenará os datos achegados polas cámaras.

Un dos puntos que contarán con este servizo será o porto deportivo co propósito de vixiar esta zona que concentra moito público.

Ademais, esta instalación inclúe unha sala con pantallas de control á que só terá acceso a policía local.

A utilización de cámaras está regulada legalmente e por tanto esixe o cumprimento dun estrito protocolo para respectar o dereito á intimidade. Só a policía ten acceso a esas imaxes e as mesmas só se poden conservar durante un mes, excepto nos caos nos que se produciu un delito.

APROBACIÓN INICIAL DO ORZAMENTO 2018

O BOP deste mércores tamén publica a aprobación inicial do orzamento 2018 para o Concello de Sanxenxo.

Está aprobación foi posible por un acordo plenario do pasado 27 de decembro de 2017 e agora ábrese un prazo de exposición pública de 15 días, para poder examinar devanditos documentos e presentar as reclamacións pertinentes no rexistro do Concello.

O orzamento de 2018 considerarase definitivamente aprobado se durante o prazo mencionado non se producisen reclamacións. En caso contrario establécese un prazo dun mes para resolvelas.