Denuncian ante a Valedora do Pobo a opacidade do convenio da praza de touros

Pontevedra
18 de novembro 2016

O colectivo animalista, "Galicia, mellor sen touradas" solicita amparo por 'indefensión' ante a administración local. Aseguran que o Concello de Pontevedra suma sete meses sen contestar a unha solicitude de información

Valedora do Pobo, Milagros Otero
Valedora do Pobo, Milagros Otero / Mónica Patxot

Máis de 210 días esperando pola resposta a dúas preguntas sobre o uso que o Concello de Pontevedra dá ao convenio de aluguer da praza de touros que subscribiu nos anos 2014 e 2015. Esta é a denuncia que a plataforma "Galicia, mellor sen touradas" acaba de remitir á Valedora do Pobo, criticando a 'indefensión' que se produce nunha solicitude de información.

Os abolicionistas, que rexistraron a petición o pasado mes de abril, non volveron a ter noticias das preguntas realizadas como cidadanía no marco da Lei de Transparencia e Bo Goberno de 2013, que faculta a calquera persoa, xa sexa física ou xurídica, a demandar os datos que estime oportunos sen ter que xustificar a súa motivación ou uso posterior. No caso da plataforma, é coñecido o interese por facer pública a realidade dun arrendamento que estiman "gravoso" para o conxunto dos pontevedreses.

Segundo as contas que fai esta plataforma, se desde hai 16 anos o goberno local subscribe acordos de aluguer co coso de San Roque, calcúlase que estes convenios supuxeron xa o desembolso de máis 740.000 euros, o que para "Galicia, mellor sen touradas" supón un "subsidio indirecto" á organización das sucesivas feiras taurinas.

Os activistas contrarios ás corridas de touros instan o goberno local a ter un maior grao de transparencia e a defender o seu propio convenio ofrecendo toda a información ao conxunto da sociedade.

Como alternativa "Galicia, mellor sen touradas" expón o uso doutros espazos públicos, como o Estadio Municipal de Pasarón, "con maior capacidade e posibilidades para grandes actos como a Feira Franca ou o aproveitamento das diferentes prazas deste municipio peonalizado para descentralizar as actividades de lecer".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora