Denuncian desfeitas polo vandalismo no parque infantil da praza do Regueiro da Illa

O Salnés
04 de febreiro 2023

O edil de Servizos, Luis Arosa, confirma que os danos producíronse en varios días sucesivos antes da inauguración do parque e fai un chamamento á cidadanía para que se manteña vixiante. Como medida preventiva, o Concello contratará unha persoa como vixiante de seguridade durante o Entroido

Danos polo vandalismo no parque infantil da praza do Regueiro
Danos polo vandalismo no parque infantil da praza do Regueiro

O parque infantil da Praza do Regueiro, na Illa de Arousa, está aínda sen inaugurar e xa presenta danos. Así o deu a coñecer este sábado o Concello, que atribúe as desfeitas ao vandalismo. 

Segundo explican, hai anacos de caucho levantados e cortados, buratos neste material, pegadas de pisadas feitas antes de que secara e danos na pintura do chan do parque infantil. 

O edil de Servizos, Luis Arosa, confirma que os danos producíronse en varios días sucesivos e fai un chamamento á cidadanía para que se manteña vixiante co fin de protexer o patrimonio público de comportamentos incívicos.

Como medida preventiva, e para evitar danos maiores nunha praza que afronta a fase final da súa remodelación, o Concello de A Illa contratará unha persoa como vixiante de seguridade durante as celebracións do Entroido. Controlará  a contorna durante as 24 horas.

Os danos foron reparados xa pola Concellería de Servizos, colocando caucho novo e substituíndo os espazos decorados con pintura amarela especial por un mosaico de cores. "É triste ter que gastar en repoñer elementos que aínda non foron utilizados porque algúns individuos illados non son quen de respectar o que é de todos", lamenta o concelleiro. 

Para Luis Arosa, ademais dos danos no patrimonio público, existe un risco preocupante no acceso a unha obra valada. Apunta que hai unha responsabilidade civil en caso de rexistrarse un accidente neste ámbito e “é mellor previr que lamentar”.