Denuncian "escurantismo" por parte de Sanidade no novo concurso do servizo de ambulancias convencionais

Pontevedra
28 de agosto 2020

Desde a FGAMT-CIG  aseguran que seguen sen saber cales son as condicións en que se vai prestar este servizo e demandan unha xuntanza urxente coa administración autonómica

Representantes da FGAMT-CIG denuncian o silencio sobre o novo convenio das ambulancias convencionais
Representantes da FGAMT-CIG denuncian o silencio sobre o novo convenio das ambulancias convencionais / FGAMT-CIG

A FGAMT-CIG denunciou este venres que a Consellería de Sanidade anunciaba hai máis dun ano que informaría ás centrais sindicais das condicións nas que se poñería en marcha o novo concurso do servizo de ambulancias convencionais, aquelas que realizan traslados hospitalarios, tratamentos ou diálises, entre outras funcións.

O anterior concurso finalizaba o 15 de agosto e polo momento os representantes sindicais carecen de datos sobre como se vai a prestar este servizo. Por este motivo demandan unha reunión urxente coa administración e non descartan protestas ou retomar a convocatoria de folga se non se producen novidades desde a Xunta de Galicia.

O persoal destas ambulancias iniciara protestas antes das eleccións autonómicas ante o temor de que o executivo decidise eliminar determinados servizos que realizan estas ambulancias. O xerente do SERGAS mantivo un encontro con representantes da  FGAMT e garantiu que non se recortarían servizos citándolles a unha nova reunión despois das eleccións para recoller as propostas. Pero esta nova reunión non chegou a producirse, a pesar de que os sindicalistas presentaron dúas peticións de entrevista.

Desde as empresas sinalan que a previsión da Consellería é prorrogar o concurso por un período de seis meses, sen suba económica. Unha situación que, segundo relatan desde a  FGAMT-CIG, deixa o persoal nunha situación preocupante para manter a calidade do servizo e facer fronte á suba que estaba prevista por convenio para o mes de novembro.

O persoal demanda que se manteñan todos os servizos actuais e que non se produzan recortes nos postos de traballo. Tamén reclaman melloras na calidade asistencial, nas ambulancias e no número máximo de pacientes que poden viaxar en cada vehículo.

Avanzan que se non reciben unha chamada da Consellería de Sanidade nos próximos días, a principios de setembro iniciarán asembleas para estudar a convocatoria de mobilizacións.