O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, alertou sobre a "situación límite" que, ao seu xuízo, está a vivir da sanidade pública no municipio, tras reunirse con profesionais do centro de saúde de Arcade.
Segundo explicou, hai veciños que actualmente teñen que agardar ata un mes para conseguir unha cita de atención primaria.
Lourenzo denunciou que o centro de Arcade arrastra anos de precariedade con médicos con cupos superiores aos 1.600 pacientes, recortes continuos nos servizos e, nos últimos meses, un novo empeoramento da situación.
Este martes, despois de que non se cubriran as xubilacións, só queda un médico a xornada completa, o que deixa o centro sen facultativos durante máis dun terzo da xornada, é dicir, entre as 8:00 e as 9:30 e entre as 13:00 e as 15:00 horas.
"Xa se teñen achegados pacientes con cadros graves e non houbo médicos para atendelos. Como sigamos así pode haber unha desgracia e non podemos permitir que a nosa veciñanza estea exposta a estes riscos", denunciou Lourenzo.
O alcalde lembra que hai máis de tres anos a Xunta se comprometeu a enviar catro médicos ao centro, pero a realidade é que actualmente contan con só un a xornada completa, outro a media xornada e unha única enfermeira fixa.
"Nun concello no que precisamos catro médicos como mínimo, temos un e medio e unha única enfermeira fixa", subliñou.
A consecuencia desta situación son citas de atención primaria que se retrasan ata un mes e a alternativa actual limita a atención a horarios de tarde, sen cubrir domicilios nin urxencias.
Lourenzo tamén apuntou que, a pesar de coñecer desde hai meses a xubilación dunha das médicas, o Sergas non adoptou ningunha medida.
"Hai semanas que temos solicitada unha reunión co conselleiro pero até o de agora non tivemos resposta", sinalou o alcalde. "É vital que nos sentemos para poñer solución a esta situación antes de sexa demasiado tarde", rematou.