A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo denuncia a caótica situación que se viviu unha xornada máis no centro de saúde de Marín, e máis concretamente no Punto de Atención Continuada (PAC) para atender ás urxencias.
Segundo o colectivo desde as 15.00 horas da tarde do venres "só houbo unha enfermeira nas urxencias do PAC de Marín que véndose soa, sen médico, e desbordada sufriu un ataque de ansiedade".
A profesional sanitaria tivo que ser substituída, enviando a xerencia un reforzo dunha segunda enfermeira a partir das 23.00 horas da noite, aseguran.
"Cando a Xunta trata así ao persoal as consecuencias sófrenas eles e tamén os pacientes. A Xunta debe coidar a quen nos coida", critica a Plataforma.
De feito o colectivo en defensa da atención sanitaria lembra que Marín, cunha poboación próxima aos 25.000 habitantes, debería contar con dous médicos no PAC "non un administrativo e unha enfermeira sós. É inadmisible que pretendan atender as urxencias no PAC e nos domicilios con só unha enfermeira", denuncian.
Nesta situación os casos urxentes que necesitaban atención médica foron derivados aos servizos de urxencia de Pontevedra.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.