Denuncian o uso das prazas para discapacitados como aparcadoiros de carga e descarga

Pontevedra
18 de novembro 2016

Sinalan que están a provocar que persoas con moitas dificultades na súa mobilidade teñan que facer un sobre esforzo para poder estacionar e baixar dos seus vehículos

Vehículos mal aparcados en prazas para discapacitados e en pasos de peóns Masa Crítica

O colectivo Masa Crítica, a través dun socio de Pedaladas, detectou que se están utilizando as prazas para persoas discapacitadas para tarefas de carga e descarga de servizos a comercios e tamén estacionamentos ilegais por parte doutros turismos particulares.

Segundo este colectivo, denuncian que se está aproveitando o concepto de "volvo en 5 minutos" ou "é un momento" para deixar o vehículo ocupando esa praza, provocando así que os destinatarios non poidan estacionar no seu lugar e, por este motivo, se vexan obrigados a percorrer grandes distancias para as súas capacidades. 

Tamén sinalan que se atoparon casos de bicicletas aparcadas de tal forma que dificultan o acceso e saída das prazas ás persoas con mobilidade reducida. Masa Critica indica que nas proximidades destes aparcadoiros existen lugares habilitados para o estacionamento de bicicletas ou outros elementos do mobiliario urbano para poder deixar ese vehículo.

Por este motivo, nas próximas semanas levarán a cabo acciones, xunto á asociación Amizade para reivindicar que as prazas para persoas con mobilidade reducida só ten un uso válido, o de garantir o dereito a unha mobilidade digna das persoas con diversidade física.

Masa Crítica solicitará ao Concello que facilite a través da rede electrónica un formulario para presentar denuncia voluntaria en formato telemático porque a estas persoas suponlle un esforzo acceder á comisaría para presentar a denuncia.

Ademais, iniciarán unha campaña de concienciación entre os ciclistas para que non bloqueen o acceso a estas prazas de aparcadoiro e se é necesario reclamarán a utilización do guindastre para que sexan retirados.