A Policía Local de Poio detectou un caso de uso fraudulento dunha tarxeta de estacionamento para prazas reservadas a persoas con discapacidade presuntamente realizado por unha veciña do municipio que usaba un cartón a nome do seu marido, que leva cinco anos falecido.
Segundo informou a Policía Local de Poio, unha patrulla que realizaba tarefas de vixilancia e control diario observou que un vehículo estacionado nunha praza para persoas con discapacidade na rúa Oliveira tiña á vista unha tarxeta caducada no ano 2012.
Ante esta situación, os policías denunciaron o turismo e chamaron o guindastre para a súa retirada. Cando estaban a realizar estas xestións, chegou a propietaria do vehículo, que lles fixo saber que a tarxeta estaba caducada porque era do seu marido e él estaba encamado e non a podía renovar. Tamén lles trasladou que non tiña pensado renovar a tarxeta.
A Policía Local enviou esa tarxeta caducada ao departamento municipal encargado da súa xestión para o seu arquivo, pero nese momento déronse conta de que o titular da tarxeta levaba falecido dende o ano 2012, de modo que denunciaron á muller por un uso fraudulento do documento público.
Ao respecto, os axentes de Poio recordan que o cartón acreditativo do grao de discapacidade é un documento persoal e intransferible que acredita o recoñecemento do grao de discapacidade recoñecido ao seu titular e sirve de documento substitutivo, a todos os efectos, da resolución pola que se recoñece o grao.
A Policía Local busca a concienciación dos veciños de Poio sobre o uso debido destes cartóns para facilitar o estacionamento as persoas con discapacidade ou que presentan unha mobilidade reducida, respectando así os seus dereitos e xa anuncia que nas vindeiras semanas van iniciar unha campaña para vixiar os estacionamentos indebidos nestas zonas habilitadas para persoas con discapacidade.