A coordinadora unitaria dos traballadores auxiliares de Ence, que agrupa aos delegados de persoal de catorce empresas, denunciou a campaña de "recortes e despedimentos" que a compañía pasteira está a impulsar nas últimas semanas a través das súas contratas.
A iso suman a situación "permanente" de precariedade, inseguridade e sobrecarga de traballo "que se agrava aínda máis do xa existente para o resto de compañeiros destas empresas auxiliares na factoría", subliñan nun comunicado.
"Esta destrución de emprego e empeoramento das condicións de traballo é un total desprezo ao incuestionable compromiso dos traballadores auxiliares na loita pola permanencia da fábrica", aseguran os membros desta coordinadora.
Isto súmase, segundo este organismo, aos recortes "normalizados" e á falta de investimento que padecen desde 2019 "coa escusa do risco de peche da factoría" ou ás "reiteradas" situacións de vulneración da legalidade e de represión sindical.
Toda esta conflitividade "repercute negativamente no xa precario estado de mantemento das instalacións e dos seus medios", aseguran os traballadores.
A coordinadora impulsará asembleas de traballadores en todas as contratas auxiliares de ENCE en Pontevedra para acordar medidas de mobilización ante esta "escalada" contra os traballadores, contra os seus intereses e contra as súas condicións de traballo.
Esixen a "reversión inmediata" dos recortes e a adecuación da situación dos traballadores auxiliares a un nivel "minimamente digno e humano".
A este respecto, a coordinadora insta a todos os traballadores auxiliares da fábrica a que non asuman "baixo ningún concepto" a sobrecarga de traballo derivada dos despedimentos dos seus compañeiros e a que non acepten "baixo ningunha escusa" facer horas extras ou tarefas alleas ás súas funcións.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.