Denuncian que as ambulancias ilegais de BDM son usadas agora na Lama e en Ponte Caldelas

Pontevedra
02 de marzo 2015

Xabier Aboi, representante da CIG, reclama á Fiscalía que actúe contra o responsable de ambulancias BDM tras asinar un convenio en nome de Protección Civil para realizar servizos nestes dous concellos e en Fornelos

Xabier Aboi amosa a foto dunha ambulancia de BDM
Xabier Aboi amosa a foto dunha ambulancia de BDM / PontevedraViva
Aboi pide a actuación da Fiscalía contra o responsable de ambulancias BDM /

O representante da CIG, Xabier Aboi, denuncia a firma dun convenio entre os concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos con Álvaro Barreiro, responsable da empresa BDM que está a ser investigado pola Fiscalía despois de que se tivesen interceptado dúas ambulancias con documentación falsa ademais de medicamentos e outro material sanitario caducado, como responsable dun novo grupo de Protección Civil para realizar servizos nestes concellos nos que, segundo denuncian dende o sindicato nacionalista, se están a utilizar as ambulancias en desuso de BDM.

Para Aboi resulta preocupante que estes concellos asinen este convenio con "un presunto delincuente" amparados polas consellerías de Sanidade e de Presidenica, da que dependen as organizacións de Protección Civil. O representante sindical considera grave que se conceda estes servizos coa cesión de instrumental e maquinaria de carácter público.

Dende o sindicato reclámase á Fiscalía que actúe contra Álvaro Barreiro, de quen denuncian que conta con dous expedientes sancionadores e que non pagaron ningunha das sancións e tampouco aportaron os pagamentos dos despedimentos de sete traballadores da empresa. Aboi indica que a Consellería de Sanidade recoñece que os datos sobre as irregularidades da empresa son certos e reclama que expliquen cantas sancións foron aboadas e por que a Consellería non actuou ante estas situacións nas que as ambulancias carecía de certificados técnicos sanitarios e de seguros mínimos. Pregúntase tamén por que a Fiscalía só chamou a declarar Álvaro Barreiro e á súa socia Berta Darriba en lugar de pedir declaracións dos traballadores, dos pacientes e de empresas que lle daban traballo a estas ambulancias.

A CIG solicitará ao BNG que pregunte nos plenos deses tres concellos pola firma deste convenio e vólvese preguntar que relación mantén este empresario co Partido Popular para que conte con protección da Xunta de Galicia a pesar da investigación aberta.