Denuncian que están desatendidas as urxencias pediátricas no centro de saúde da Parda

Pontevedra
05 de abril 2018

A nai dun bebé de 15 meses indica que por cuarta vez a remiten a Urxencias de Montecelo cando o cadro clínico do menor non reviste ese carácter de gravidade ou dánlle cita para consulta ordinaria de pediatría para dez días máis tarde

Judit Meiriño, nai do bebé que non é atendido no Centro de Saúde da Parda
Judit Meiriño, nai do bebé que non é atendido no Centro de Saúde da Parda / PontevedraViva

Judit Meiriño Maquieira é a nai de Tiago, un bebé de 15 meses de Pontevedra, que por cuarta vez se atopa con que no centro de saúde da Parda non atenden a situación de urxencia do seu fillo. Alegan que o seu pediatra titular está de baixa e o substituto non atende casos urxentes.

Por este motivo, rematan por remitila ao Hospital Provincial. Pero Judit entende que o cadro clínico do seu bebé, con episodios repentinos de vómito, non é tan grave como para sumar un caso máis no servizo de Urxencias, habitualmente colapsado, nin tampouco é tan leve como para esperar 10 días, prazo en que lle dan cita para a consulta pediátrica ordinaria.

Esta nai decidiu emprender unha batalla a través das redes sociais e o vídeo que colgou no seu facebook conta xa con máis de 16.000 visualizacións e foi compartido máis de 800 veces. Convida, ademais, a que outros pais que estean a sufrir esta situación denuncien esta falta de atención por parte do servizo público de saúde.

Púxose en contacto co 061 e desde este servizo indícanlle que tería que ser atendida no departamento de Urxencias do centro de saúde. Pero Judit denuncia que nese departamento non hai un médico especialista en Pediatría. Así que finalmente remata por acudir á medicina privada e vese obrigada a pagar 50 euros por consulta.

Xa presentou varias reclamacións oficiais nas que a única resposta que recibe por parte da Consellería de Sanidade é que non hai solución para o seu caso.