Denuncian que os fondos europeos irán ás grandes empresas "que nos levaron a esta crise"

Pontevedra
31 de xaneiro 2021

Doce localidades galegas, entre elas Pontevedra e Vilagarcía, foron escenario dunha concentración por parte de membros de organizacións ecoloxistas, sindicais, políticas e sociais para expresar a súa preocupación polo reparto dos fondos europeos de recuperación

Protesta en Pontevedra polos criterios de reparto dos fondos europeos PontevedraViva

Doce localidades galegas, entre elas Pontevedra e Vilagarcía, foron escenario dunha concentración por parte de membros de organizacións ecoloxistas, sindicais, políticas e sociais para expresar a súa preocupación polo reparto dos fondos europeos de recuperación.

Este programa, coñecido como Next Generation, estase a deseñar, segundo os manifestantes, con "escurantismo" e sen participación pública. Advirten que eses fondos acabarán nas mans das "mesmas grandes empresas" e sectores industriais "que nos levaron a esta crise".

Os colectivos lamentan que o goberno galego pretenda "repartir o pastel" sen contar o tecido social que máis sufriu a crise, especialmente a pequena e mediana empresa e o sector sociosanitario, deixando fóra a unha parte maioritaria da sociedade.

"Polo que se vai sabendo están enfocando unha gran parte dos recursos cara a industria enerxética e as empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego", lamentan estas asociacións.

Así, esixen que os gobernos estatal e galego modifiquen os criterios de reparto dos fondos dando entrada á participación da sociedade civil na toma de decisións e nos criterios de adxudicación e a inclusión de estritos controis ambientais e sociais nos proxectos.

Entenden que estes fondos de recuperación deben priorizar a contratación de proxectos  estratéxicos de desenvolvemento local e centrar o seu orzamento nunha transición ecolóxica "verdadeira" e a descarbonización da economía para combater o cambio climático.

Ademais, reclaman que os proxectos recollan unha perspectiva de xénero e combatan a desigualdade, que fomenten a colaboración público-comunitaria ou que primen o apoio de iniciativas de persoas autónomas, labregas, mariñeiras artesás, cooperativas e pemes por ser os segmentos que máis empregos xeran e máis repartidos están por toda a xeografía galega.

Os fondos, segundo estas organizacións, tampouco deben esquecer destinar máis investimento para a saúde, a educación, a investigación, os coidados e a cultura.