A recente onda de calor provocou unha complicada situación recentemente na escola infantil de Barro.
Segundo denuncia o sindicato CSIF, a aula de bebés desta escola infantil chegou a rexistrar 29 graos de temperatura sen contar con ningún sistema de climatización.
Unha situación que consideran "incompatible coa protección que requiren os menores dun ano e o persoal do centro".
Ante esta incidencia a organización sindical solicitou á Consellería de Política Social a adopción inmediata de medidas preventivas.
Este feito é especialmente preocupante ao ser os bebés un colectivo vulnerable fronte ás altas temperaturas, e é que engade CSIF que a Asociación Española de Pediatría advirte de que os menores dun ano presentan unha capacidade limitada para regular a súa temperatura corporal.
Esta pode aumentar entre tres e cinco veces máis rápido que a dun adulto, polo que se recomenda que permanezan sempre en ambientes frescos e que os espazos destinados ao seu coidado dispoñan de sistemas axeitados de climatización ou ventilación.
No caso da escola infantil de Barro, aseguran, chegar a estas temperaturas próximas aos 30 graos "supón un risco que non pode normalizarse".
Por este motivo piden á Xunta de Galicia a instalación urxente de sistemas de climatización adecuados nas escolas infantís que carecen deles, ou na súa falta a dotación inmediata de equipos profesionais de refrixeración que permitan manter unhas condicións térmicas seguras.
O sindicato tamén reclama que se elabore un protocolo específico de actuación fronte a episodios de calor nas escolas infantís.
CSIF, que advirte que acudirá á Inspección de Traballo se non se adoptan as medidas oportunas, asegura recibir tamén denuncias por temperaturas elevadas na escola infantil de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa.