A CIG denunciou este martes a situación de conflito laboral existente na escola infantil do colexio Santiago Apóstol de Soutomaior tras a retirada parcial dun complemento salarial que as traballadoras viñan percibindo desde hai dúas décadas.
O sindicato anunciou ademais a convocatoria dunha primeira mobilización para este xoves 11 de xuño.
A delegada da CIG na escola infantil, Andrea Pazos, compareceu en rolda de prensa acompañada por Marta Ferreiro e David Nogueira, representantes da CIG-Ensino de Pontevedra, para explicar as orixes do conflito e as actuacións desenvolvidas nos últimos meses.
Segundo detallou Marta Ferreiro, o colexio Santiago Apóstol é un centro privado concertado xestionado como cooperativa de ensino que abrangue as etapas de infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
Ademais, conta cunha escola infantil de 0 a 3 anos, unha etapa que non está concertada e que se rexe polo convenio estatal das escolas infantís, que o sindicato cualifica de "especialmente precario".
A orixe da disputa remóntase a hai vinte anos, cando a dirección do centro acordou aboar ás traballadoras da escola infantil un complemento salarial de 150 euros mensuais.
Esta cantidade, inicialmente considerada unha gratificación voluntaria, era ingresada á marxe da nómina e mantívose de forma ininterrompida durante dúas décadas. En 2021, o complemento pasou a figurar oficialmente nas nóminas.
Porén, segundo denuncia a CIG, coa entrada en vigor das novas táboas salariais do convenio en setembro de 2025, a empresa decidiu absorber parcialmente ese complemento na contía correspondente ao incremento salarial establecido polo convenio. O sindicato considera que esta medida supón, na práctica, unha redución do salario das traballadoras.
A organización sindical explicou que, antes de facer pública a situación, intentou resolver o conflito a través da negociación coa dirección do centro. Tras as eleccións sindicais celebradas no último trimestre de 2025, nas que Andrea Pazos resultou elixida delegada, iniciouse un proceso de diálogo que non deu os resultados agardados.
Nas últimas semanas celebráronse diversas reunións, primeiro coa dirección e posteriormente coa totalidade das persoas cooperativistas, co obxectivo de recuperar o complemento salarial e evitar a vía xudicial.
A CIG sostén que existen sentenzas que avalan que este tipo de complementos non son absorbibles, mais asegura que priorizou en todo momento a negociación.
Ante a falta de acordo, o sindicato decidiu iniciar un calendario de mobilizacións.
A primeira protesta terá lugar este xoves 11 de xuño coincidindo co horario de entrada das familias tanto na escola infantil como no propio colexio, co obxectivo de informar á comunidade educativa sobre a situación laboral que atravesan as traballadoras do centro.