O Concello de Soutomaior presentou o programa municipal de lecer e tempo libre 'Verán Activo 2026', dirixido a todos os públicos.
O obxectivo é promover estilos de vida saudables, potenciar as inquietudes artísticas e reforzar habilidades útiles para a vida cotiá.
A iniciativa desenvolverase durante os meses de xullo e agosto cunha ampla oferta de actividades lúdicas, deportivas e de convivencia orientadas a favorecer a socialización, o contacto coa natureza e o desenvolvemento persoal nunha contorna educativa e dinámica.
O programa está pensado para a mocidade, as familias, as persoas maiores de 60 anos e, en xeral, para o conxunto da cidadanía, con propostas inclusivas e adaptadas cando sexa necesario.
Entre as principais liñas de actividade destacan as propostas deportivas para todas as idades, que inclúen deporte con rede, lecer deportivo, camiñadas, bailes, campus e actividades de aventura no medio natural, e as deseñadas para maiores de 60 anos centradas no envellecemento activo, como petanca, baile e camiñadas.
O programa tamén aposta polo lecer compartido con actividades familiares como 'Mércoles en familia', 'Os venres, hai tema', festas da espuma e inchables, así como campamentos temáticos como o de surf en Razo ou o de inmersión na natureza en Valverde (Cáceres).
Así mesmo, incorpora actividades inclusivas para que participen todas as persoas, independentemente das súas capacidades, con propostas como 'Movemento inclusivo'.
En conxunto, o programa pretende dinamizar os espazos municipais mediante xogos en equipo, deporte, actividades en inglés e experiencias na natureza que fomenten o benestar e a convivencia.
As inscricións realizaranse a través da web municipal, no apartado de preinscrición, a partir das 9:30 horas. A maioría das actividades abrirán o prazo o 8 de xuño, mentres que as de deporte de aventura farano o 10 de xuño. As prazas son limitadas.
O Concello informa de que terán preferencia as persoas empadroadas en Soutomaior e que as idades deberán cumprirse no ano en curso.
As actividades levaranse a cabo sempre que se alcance un número mínimo de participantes. Durante o proceso de inscrición será necesario indicar posibles necesidades de adaptación ou apoio específico.
As persoas maiores poderán solicitar axuda para realizar a inscrición online no Concello ou no Centro de Benestar Integrado, en caso necesario.
A admisión comunicarase a través da web municipal e, de forma complementaria, por teléfono, onde tamén se detallará o procedemento para a entrega de documentación.
O pago das actividades que teñan custo, efectuarase unha vez se confirme a praza. Desde o Concello recomendan consultar as posibles bonificacións dispoñibles.