Soutomaior convoca axudas para a adquisición de material escolar para o próximo curso

Soutomaior
03 de xuño 2026

O prazo estará aberto desde o 2 até o 15 de xuño. A documentación poderá presentarse no rexistro de servizos sociais do Concello ou a través dos medios previstos na normativa

Manu Lourenzo e Rosana Martínez
Manu Lourenzo e Rosana Martínez / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior destinará un total de 4.500 euros a axudas para a compra de material escolar de cara ao próximo curso.

A iniciativa está dirixida a familias con menores recursos económicos para facilitar o acceso á educación en condicións de igualdade.

As compras, co fin de apoiar o comercio local, deben realizarse en establecementos do municipio.

Estas subvencións están dirixidas ao alumnado matriculado en Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato en centros do municipio, así como a estudantes empadroados en Soutomaior que cursen Bacharelato, Formación Profesional ou PCPI noutros centros.

As axudas terán en conta a renda familiar e contemplan unha contía máxima de 50 euros para o primeiro ciclo de Educación Infantil e de 70 euros para o resto de etapas educativas.

O material inclúe produtos habituais na actividade escolar, como cadernos, bolígrafos, lapis, rotuladores, material de manualidades ou libros de lectura obrigatoria, quedando excluídos os libros de texto.

Poderán beneficiarse destas axudas as familias empadroadas durante todo o curso escolar que cumpran os requisitos económicos establecidos e teñan fillos ou fillas matriculados nos niveis educativos recolleitos na convocatoria.

O prazo de solicitude estará aberto desde o 2 até o 15 de xuño, e a documentación poderá presentarse no rexistro de servizos sociais do Concello ou a través dos medios previstos na normativa vixente.

O alcalde, Manu Lourenzo, destacou que "estas axudas son unha ferramenta para aliviar o esforzo económico que supón o inicio do curso escolar para moitas familias e, ao mesmo tempo, reforzar o noso compromiso coa igualdade de oportunidades e co apoio ao comercio local".