Soutomaior contará cunha aula de estudo que abrirá os 365 días do ano

Soutomaior
28 de maio 2026

A instalación abrirá no mes de xuño e está destinada a facilitar á a veciñanza un espazo para o estudo, formación e preparación académica nas mellores condicións posibles

Rosana Comesaña e Manu Lourenzo na Aula Municipal de Estudos 01
Rosana Comesaña e Manu Lourenzo na Aula Municipal de Estudos 01 /

O Concello de Soutomaior estreará o próximo mes de xuño a nova aula de estudo que estará aberta de de 07:00 a 01:00 horas durante os 365 días do ano.

O alcalde Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Rosana Comesaña, visitaron neste xoves a instalación localizada na Antiga Escola de Romariz (rúa Romariz s/n) coa que pretenden dar resposta a unha "demanda histórica" da mocidade e o alumnado do municipio.

Estará equipada con 18 postos de estudo e contará con conexión wifi, baños, zona de descanso e acceso independente ao resto da instalación.

Tal e como indicou o rexedor, "queremos que todos os veciños e veciñas teñan acceso a espazos dignos, tranquilos e adaptados para estudar e formarse".

Este servizo está dirixido ás persoas maiores de 16 anos empadroadas no Concello de Soutomaior que estean a realizar estudos regrados ou non regrados. No caso de menores de idade, será necesaria autorización da persoa titora legal.

O acceso á aula realizarase mediante un código persoal e intransferible facilitado polo Concello unha vez presentada e aprobada a solicitude correspondente. Este sistema está pensado para favorecer a autogestión do espazo por parte das persoas usuarias e garantir a seguridade das instalacións.

O espazo conta cun sistema de videovixilancia conectado en tempo real coa Policía Local de Soutomaior e coa empresa de seguridade encargada do servizo, e será revisado periodicamente por persoal autorizado para comprobar o seu correcto funcionamento e o cumprimento das normas.

Manu Lourenzo tamén sinalou que "investir en educación e en espazos públicos de calidade é investir no futuro de Soutomaior", á vez que engadiu que a cidadanía "merece contar cun lugar acomodado no que preparar exames, traballos e oposicións en boas condicións".

As solicitudes deben presentarse a través da sede electrónica municipal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora