O Concello de Soutomaior, en colaboración coa empresa concesionaria Urbaser, presentou esta semana o novo sistema de xestión de residuos que comezará a aplicarse entre finais de maio e principios de xuño.
A presentación oficial tivo lugar no Multiúsos de Arcade nun acto no que participaron o alcalde, Manu Lourenzo, representantes da compañía adxudicataria e da empresa de comunicación Sihaho.
O novo modelo enmárcase dentro da estratexia municipal "Conscientes, medra en verde" e busca, segundo explicou o rexedor, avanzar cara a un municipio "máis limpo e sostible", incidindo na necesidade de implicación cidadá para acadar os obxectivos de reciclaxe e redución de residuos.
Durante o acto amosouse tamén a imaxe da campaña, creada polo ilustrador pontevedrés Luís Davila, que servirá de base para os materiais informativos, incluíndo unha web e unha guía de reciclaxe co detalle dos novos servizos.
Urbaser detallou unha importante renovación da frota de vehículos destinada ao servizo, que contará con dous camións de recollida de carga lateral, un de carga traseira, unha caixa aberta con plataforma e grúa, un furgón de mantemento, unha furgoneta de inspección e un equipo de hidrolimpieza a presión.
A isto sumarase outro material como un camión gancho e dous vehículos destinados ao lavado de colectores, que se irán incorporando progresivamente segundo os prazos de entrega.
No apartado de persoal, o servizo estará atendido por un equipo de cinco traballadores entre condutores e peóns. Ademais, renovarase por completo o parque de colectores, con 422 unidades de carga lateral na zona urbana e 180 de carga traseira no ámbito rural.
Outro dos eixos do novo sistema é o reforzo do punto verde situado nas instalacións de Montesiña, que contará cunha oficina de atención cidadá aberta de luns a venres en horario de mañá. Neste espazo poderanse depositar residuos voluminosos, enseres domésticos e outros materiais non explosivos nin sanitarios.
Complementariamente, habilitarase un servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio todos os xoves, previa solicitude telefónica. Tamén se mantén o servizo de recollida de restos de poda, para o que se facilitarán grandes sacos que, unha vez enchidos, serán retirados polo servizo municipal e destinados á produción de material para compostaxe.
Durante a presentación tamén se destacou o funcionamento do punto limpo de proximidade instalado no Multiúsos de Arcade, onde se poden depositar pequenos residuos domésticos como pilas, lámpadas, baterías, envases de pinturas ou roupa usada. Dado o seu uso elevado, o Concello anunciou a instalación dunha nova unidade adicional nas vindeiras semanas.

O plan inclúe ademais novas campañas de sensibilización centradas na separación de residuos orgánicos. Neste ámbito, o Concello aposta pola tecnoloxía da empresa Formato Verde, tamén con sede en Soutomaior, que permitirá o acceso aos colectores mediante tarxetas electrónicas, diferenciando entre usuarios domésticos e grandes produtores.
Tamén se prevé a ampliación da compostaxe, coa recuperación do centro comunitario da rúa Outeiriño e a creación dun novo espazo, así como a distribución de composteiros individuais para vivendas con horta que o soliciten de forma gratuíta.
Por último, lembrouse o servizo de recollida de cartón porta a porta no comercio local, operativo tres días á semana, e fíxose fincapé na importancia de entregar o cartón correctamente pregado e sen volume de aire para optimizar a recollida.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.