Soutomaior renova o sistema de acceso ao colector marrón con novos cartóns electrónicos

Soutomaior
08 de xuño 2026

Soutomaior substituirá os actuais colectores por uns novos que funcionarán con cartón electrónico. A implantación comezará a finais de xuño

Campaña 'Ti tes a chave'
Campaña 'Ti tes a chave' / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior segue avanzando na mellora da xestión de residuos cunha nova fase na implantación do colector marrón, destinado á recollida de materia orgánica.

Como principal novidade, substituirán os actuais sistemas por novos colectores que funcionarán mediante cartón electrónico para facilitar o seu uso e reducir os custos de mantemento. A implantación destes colectores comezará a finais de xuño en diferentes rúas do municipio.

As persoas usuarias do servizo deberán recoller o seu novo cartón de acceso na carpa da campaña informativa 'Ti tes a chave', que percorrerá distintas localizacións durante as próximas semanas.

Ademais, aquelas familias que aínda non participan na recollida de orgánica poderán solicitar a súa incorporación a través dun formulario habilitado na web.

O alcalde, Manu Lourenzo, subliñou que esta iniciativa pretende "facer máis sinxela a participación da veciñanza na reciclaxe e na correcta separación dos residuos, así como avanzar entre todos cara un concello máis sostible".

Neste sentido, destacou tamén a implicación cidadá para mellorar os datos de reciclaxe no municipio.

A campaña informativa a pé de rúa arrincou este luns na rúa Rosalía de Castro, á altura do monumento á ostra, e continuará o día 15 no mesmo lugar e horario. O Concello anunciará novas datas e localizacións a través das súas canles oficiais.

Así mesmo, quen non poidan acudir poderán recoller o seu cartón no punto verde da Montesiña, de luns a venres en horario de mañá.

De forma paralela, o Concello desenvolverá unha campaña específica dirixida os grandes produtores, como establecementos e negocios, para informar sobre o novo sistema e lembrar a obrigatoriedade de separar os residuos orgánicos.

O colector marrón está destinado a restos como froita, verdura, carne, peixe, pan, pousos de café, restos de poda ou papel de cociña usado, quedando excluídos materiais como plásticos, envases ou produtos de hixiene.