Soutomaior inicia a renovación de toda a súa frota de contedores

Soutomaior
07 de xuño 2026

A actuación suporá a substitución de todos os contedores existentes coa instalación de 422 unidades de carga lateral na zona urbana e 180 contedores de carga traseira polo rural

Novos contedores de residuos en Soutomaior
Novos contedores de residuos en Soutomaior / Concello de Soutomaior

Xa comezou a renovación integral de todo o parque de contedores de residuos en Soutomaior. Era unha das medidas incluidas na campaña 'Conscientes, medra en verde'.

A actuación suporá a substitución de todos os contedores existentes coa instalación de 422 unidades de carga lateral na zona urbana e 180 contedores de carga traseira polo rural.

Este cambio no sistema de contedores busca que o servizo poida adaptarse mellor ás características de cada contorna e aumentar a súa funcionalidade.

Os novos contedores incorporan os deseños do recoñecido ilustrador pontevedrés Luís Davila, autor da imaxe da campaña de sensibilización que acompañará a posta en marcha deste novo modelo de xestión de residuos.

A iniciativa inclúe tamén unha páxina web específica e unha guía de reciclaxe na que se recollen os diferentes servizos e recursos postos a disposición da veciñanza.

O obxectivo é facilitar a separación dos residuos, incrementar as taxas de reciclaxe e reforzar a concienciación cidadá sobre a importancia dunha correcta xestión ambiental.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que esta renovación é un "paso fundamental" para facer do municipio unha comunidade "máis limpa e sostible".

Subliñou que a colaboración de toda a veciñanza "será imprescindible para acadar os obxectivos marcados e consolidar un modelo de éxito".

A renovación dos contedores desenvolverase de maneira progresiva durante as próximas semanas, completando unha das actuacións máis visibles da nova concesión.