Denuncias por vandalismo en colexios de Ribadumia, con pintadas, fiestras rotas e cartóns queimados

O Salnés
11 de decembro 2024
Actualizado: 14:42

Os danos foron no CPI Julia Becerra Malvar e a escola infantil. O Concello anima a calquera persoa que poida achegar información sobre o sucedido a poñerse en contacto coas autoridades

Vandalismo en centros educativos de Ribadumia
Vandalismo en centros educativos de Ribadumia / Concello de Ribadumia

O CPI Julia Becerra Malvar e a escola infantil municipal de Ribadumia sufriron durante a fin de semana varios actos vandálicos. 

Así o denuncia o Concello de Ribadumia, que explica que nestes centros apareceron pintadas nas portas, nas columnas e nos muros exteriores.

Ademais, os docentes destes centros educativos notificaron ao Concello a rotura de fiestras e a queima de cartóns no recinto escolar.

Desde o Concello puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil de Cambados, que está a investigar para esclarecer o sucedido. 

O Concello expresa a súa "máis firme condena" a estes actos vandálicos, que "van contra os valores de respecto, convivencia e coidado do espazo público" que deben caracterizar o municipio.

Lembra, ademais, que as instalacións escolares son "un lugar fundamental" para a educación e o desenvolvemento dos nenos e nenas e "é responsabilidade de todos preservalas e protexelas".

Ante o acontecido, o Concello fai un chamamento á conciencia cidadá para evitar que se repitan actos coma este no futuro.

"O vandalismo non só implica un custo económico para os veciños e veciñas, senón que tamén provoca un dano moral e social difícil de medir", sinalan desde o Concello. 

Tamén animan a calquera persoa que poida achegar información relevante sobre o sucedido a poñerse en contacto coas autoridades municipais.