Deportistas da Gimnástica recolocan as pasarelas desprazadas no Gafos pola enchente destes días

Pontevedra
05 de xaneiro 2021

O colectivo formado por deportistas da Sociedade Gimnástica e voluntariado da proba 'Rara, pero San Silvestre' desprazábanse este martes ata a Ponte Valentín para levar a cabo o traballo de reposición destas instalacións de madeira que permitirán que se poida desenvolver o itinerario 6 da tradicional carreira

Deportistas da Sociedade Gimnástica recolocan as pasarelas de madeira arrastradas polas enchentes do Gafos
Deportistas da Sociedade Gimnástica recolocan as pasarelas de madeira arrastradas polas enchentes do Gafos / Concello de Pontevedra

Voluntariado da proba 'Rara, pero San Silvestre' e un grupo de deportistas da Sociedade Gimnástica desprazábanse este martes ata Ponte Valentín, na contorna do río Gafos, para levar a cabo a reinstalación de dúas pasarelas de madeira que, durante os últimos días, se desprazaron e foron arrastradas pola enchente das augas do río.

Esta acción permitirá que se desenvolvan os sendeiros previstos no itinerario número 6 da tradicional carreira do Nadal que este ano conta cunha nova proposta debido á situación pandémica. 

O concelleiro de Deportes e tenente de alcalde Tino Fernández agradecía este traballo realizado de forma desinteresada. Con esta operación, aquelas persoas que se acheguen por este roteiro, de 4,8 quilómetros de lonxitude, terán facilidade para trasladarse pola senda máis visitada do río de Os Gafos, entre as estacións de tren e de autobuses e a ponte de Leira Longa, na parroquia de Tomeza.

Nos últimos días debido ao arrastre das pasarelas, os paseantes tiñan que utilizar un percorrido alternativo que discorre polas proximidades a unha canle de abastecemento do muíño que se atopa na zona.