O Centro Príncipe Felipe será obxectivo dunha nova intervención por parte do seu titular, a Deputación de Pontevedra.
A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou este venres un novo investimento para renovar a instalación eléctrica do complexo, coa adxudicación das obras.
Trátase dunha intervención valorada en 450.000 euros e que suporá reformar o centro de transformación eléctrico, o cadro xeral de baixa tensión e o grupo electróxeno.
"Esta obra forma parte dun paquete de medidas que estamos levando a cabo para impulsar a maior renovación do centro Príncipe Felipe", explicou tras a Xunta de Goberno o presidente provincial, Luís López.
"Este ano cumprirá 50 anos e é un símbolo da política social da Deputación", afirmou.
Esta actuación, defendeu López, súmanse a outras como o investimento de 3,5 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións ou os 1,4 millóns que se dedicarán a renovar o pavillón deportivo de Príncipe Felipe.
CONVENIO CO CONCELLO DE PONTEVEDRA
A Xunta de Goberno provincial deu luz verde ademais este venres, do mesmo xeito que fixera previamente o Concello de Pontevedra, ao convenio entre ambas as dúas administracións que permitirá financiar parte da reforma integral da rúa Rosalía de Castro.
O proxecto contará cun investimento global de máis de 2,4 millóns de euros.
Desa cantidade, a Deputación achegará 583.548 euros durante o exercicio de 2026.