A Deputación de Pontevedra vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria para cubrir o posto de dirección do Museo de Pontevedra.
Quen queira presentarse deberá ser funcionario de carreira do grupo A1 e achegar un proxecto de dirección de ata 20 páxinas, no que se expliquen as liñas principais que se queren desenvolver no museo. O prazo para enviar solicitudes está aberto durante quince días, a partir deste mesmo martes.
A persoa elixida será a encargada de pilotar o rumbo do museo, traballando da man do deputado provincial responsable da área —actualmente o vicepresidente Rafa Domínguez— e seguindo os procedementos da Deputación e a normativa vixente.
A selección correrá a cargo dun tribunal técnico composto polo secretario da Deputación, a xefa do Servizo de Recursos Humanos e Formación, e o xefe do Servizo de Cultura. Teranse en conta aspectos como a formación académica, os coñecementos en museoloxía, a experiencia previa en cargos con responsabilidade e o traballo en centros culturais con variedade de coleccións.
CRÍTICAS DO BNG NO PLENO PROVINCIAL
O portavoz provincial do BNG, César Mosquera, esixiu no pleno do pasado 31 de xullo á Deputación que resolvese inmediatamente a situación de "ilegalidade" na que está a Dirección do Museo. O nacionalista sinalaba que Ángeles Tilve leva á fronte da institución dende setembro de 2023, contravindo a Lei de Emprego Público de Galiza que limita a un máximo de seis meses as funcións de carácter temporal. "Hai unha situación manifestamente irregular", advertiu o voceiro nacionalista.
Mosquera lembrou que a actual responsable do Museo foi nomeada oficialmente en Pleno o 29 de setembro de 2023 por un prazo de tres meses. Entón, o responsable do Bloque xa indicara que ao non ter a praza en propiedade e ser nomeada "de maneira provisional e a dedo" -sen ter pasado por un concurso público por concorrencia competitiva e ser outras as súas funcións-, Tilve ía estar nunha situación "precaria". Así mesmo, destacara que ía carecer de autonomía e de capacidade para tomar decisións xa que, realmente, "quen quería exercer de director ‘de feito’ era o propio vicepresidente Domínguez".
O voceiro do PP Jorge Cubela, anunciou ese mesmo día que a Dirección do Museo ía cubrirse por medio do procedemento regulamentario nun breve espazo de tempo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.