A Deputación de Pontevedra vén de enviar un requirimento á empresa UFD Distribución de Electricidade, S.A. (Fenosa) para que proceda de inmediato á reparación dos danos provocados na estrada provincial EP-0002, que conecta O Marco, Tomeza e Figueirido, como consecuencia das obras recentemente executadas.
O pasado 26 de marzo a Comisión de Urbanismo do Concello de Pontevedra emitiu unha queixa formal á empresa, esixindo que se acelere o remate da intervención.
Nesta ocasión, segundo o informe do Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais, os danos concentráronse entre os puntos quilométricos 0+100 e 1+180, afectando non só o pavimento, senón tamén á seguridade viaria e a limpeza da vía.
Estes incumprimentos supoñen un quebrantamento das condicións da autorización concedida á empresa.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, cualificou a situación de "inadmisible" e insistiu en que, aínda que este tipo de obras sexa necesario, é fundamental que as estradas queden en "estado digno".
Domínguez remarcou que desde a Deputación "esíxense solucións inmediatas" para garantir a seguridade dos usuarios.
A institución provincial lembra que este tipo de irregularidades constitúen unha infracción moi grave segundo o Regulamento Xeral de Estradas de Galicia.
O requirimento establece un prazo de 15 días para que Fenosa repare os danos e devolva a estrada ao seu estado anterior.
En caso de incumprimento, poderían abrirse expedientes sancionadores con multas que oscilarían entre 25.000 e 250.000 euros.
A Deputación reafirma o seu compromiso co mantemento adecuado das vías provinciais e coa seguridade viaria, asegurando que empregará todos os mecanismos legais dispoñibles para que as empresas cumpran as súas obrigas sobre o dominio público.