A Deputación asume o custo de renovar a iluminación da zona norte de Pontevedra

Pontevedra
08 de febreiro 2026

Inicialmente estaba previsto que a Deputación achegase 1,6 millóns e o Concello os 700.000 euros restantes. O cambio no financiamento será incorporado a través dunha adenda ao convenio

Instalación de proxectores led na luminaria do Recinto Feiral Concello de Pontevedra

A actuación de mellora da iluminación pública da zona norte de Pontevedra será financiada finalmente de maneira íntegra pola Deputación de Pontevedra.

Así se decidiu na reunión de constitución da comisión de seguimento entre o Concello de Pontevedra e o organismo provincial, á que asistiron o concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.

Trátase dunha actuación cun orzamento total de 2,3 millóns de euros que afecta o ámbito do Pino, A Parda, O Castañal, Valdecorvos ou San Amaro.

Inicialmente estaba previsto que a Deputación achegase 1,6 millóns e o Concello os 700.000 euros restantes.

O cambio no financiamento será incorporado a través dunha adenda ao convenio entre ambas as dúas administracións.

O proxecto, explica a Deputación, permitirá financiar a renovación das actuais luminarias por outras con tecnoloxía LED, tamén se mellorará o control do sistema coa renovación de 39 cadros de mando e substituirase parte dos cables, executando tomas de terra e mellorando as columnas.

A actuación conseguirá un aforro do 78% no consumo respecto ao actual, ademais de reducir as emisións de CO2 en máis de 650 toneladas ao ano.

Engade a institución provincial que a cidade de Pontevedra ten asignados 2,5 millóns de euros nos orzamentos deste ano para os convenios co Concello.