Pontevedra inclúe no convenio coa Deputación a nova iluminación de toda a zona norte da cidade

Pontevedra
26 de xuño 2025
Actualizado: 17:46

O alcalde volveu a reivindicar a necesidade de actualizar a cantidade que o executivo provincial destina a investimentos na capital, conxelada en 2,5 millóns de euros anuais desde 2019

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Pablo Ajuria - Brais Porto

Até 1,44 millóns de euros prevé investir o goberno municipal de Pontevedra nunha actuación que permitirá renovar toda a iluminación pública na zona norte da cidade, incluído o centro urbano e os barrios de O Castañal, Valdecorvos e A Parda.

Con esta actuación, similar á que xa realizou no ámbito sur con Campolongo como punto estratéxico, quedaría renovada a iluminación en toda a zona urbana, a excepción do centro histórico, que contará cun proxecto específico debido ás súas particularidades.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou este xoves que esta será unha das obras que o Concello incluirá no convenio coa Deputación correspondente ao exercicio 2025 e que, a falta dun remanente duns 156.000 euros, xa ten contido.

Este convenio bilateral permitirá financiar a renovación do céspede artificial nun dos campos de fútbol do complexo Manolo Barreiro (143.000 euros) e actualizar os servidores informáticos para mellorar o seu rendemento en caso de emerxencia (210.500 euros).

A estes dous proxectos, que aprobou este xoves a Xunta de Goberno, Fernández Lores sumou as obras para a mellora da accesibilidade na Rúa Luís Seoane (368.000 euros) e a liquidación das obras do campo de fútbol de Salcedo (176.000 euros).

Tras detallar o estado deste convenio, o alcalde de Pontevedra volveu a reivindicar a necesidade de actualizar a cantidade que o executivo provincial destina a investimentos na capital da provincia, conxelada en 2,5 millóns de euros anuais desde 2019.

Lores lembrou que, sumando todos os plans que a Deputación destina aos municipios de menos de 50.000 habitantes, os investimentos nestes subiron "case un 50%" durante este seis anos polo que entende que ese aumento debería repercutir a Pontevedra e Vigo.

O goberno anterior, segundo o alcalde, compensaba ese 'desfasamento' con achegas fóra do convenio, entre outras cousas, para financiar os campionatos de tríatlon ou o viario perimetral de Montecelo, cuestións que "transcenden" á propia cidade de Pontevedra.

O executivo de Luís López, insistiu o rexedor pontevedrés, reduciu de forma "drástica" esas achegas fóra do convenio, polo que Fernández Lores trasladará de novo e de maneira oficial que se revise o trato que a Deputación ten con Pontevedra.