A nova iluminación da Illa das Esculturas e a Xunqueira da Gándara será led e resolverá zonas de penumbra

Pontevedra
10 de abril 2025
Actualizado: 14:20

O obxecto deste contrato é a mellora da eficiencia enerxética mediante a sustitución de todas as luminarias halóxenas por led

Xente paseando pola Illa das Esculturas
Xente paseando pola Illa das Esculturas / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra saca a licitación o proxecto de mellora da iluminación nos parques da Illa das Esculturas e a Xunqueira da Gándara.

Esta actuación ten un orzamento de 198.562 euros e está incluída no Plan de Sustentabilidade Turística de Pontevedra, financiado con fondos europeos Next Generation. O prazo de execución é de 3 meses.

O obxecto deste contrato é a mellora da eficiencia enerxética mediante a sustitución de todas as luminarias halóxenas por led, aforrando no consumo, reducindo a emisión de gases de efecto invernadoiro e evitando a contaminación lumínica, entre outras vantaxes. 

Ademáis se instalan novos puntos de luz en determinadas zonas para evitar a penumbra, como ocorre na contorna da escola infantil do campus.

Este xoves nunha rolda de prensa, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta deste asunto abordado na Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora.

O alcalde indicou que "na medida do posible" se aproveitarán os elementos existentes que se consideren aptos para a reutilización, como é o caso dos farois.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra

O proxecto contempla a renovación da iluminación de todos os paseos perimetrais e centrais tanto da Illa das Esculturas como da Xunqueira da Gándara.

No caso da Illa do Covo melloraranse 102 luminarias, instálase unha liña de iluminación preto da escola infantil e tamén se mellora a iluminación nalgunhas pezas escultóricas.

Na Xunqueira da Gándara renovaranse 35 luminarias, e substituiranse as liñas de alimentación soterradas, ademais de realizarse a limpeza pertinente dos báculos. O aforro enerxético nestes espazos públicos estímase en 61.273 kw/ano.

Hai tres melloras valoradas en 20.000 euros: unha ampliación da liña do alumeado na Illa das Esculturas a través de Celso Emilio Ferreiro, a substitución de cinco columnas e as súas luminarias ao carón da canle do río e o traslado do cadro eléctrico da Xunqueira da Gándara.