O goberno provincial anunciou este mércores que pagará a metade da factura que haberá que abonar para renovar o maltreito céspede do estadio de Pasarón.
Así o confirmou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, que cifrou ese desembolso nuns 160.000 euros.
Ese diñeiro, segundo Domínguez, é o que estima o Pontevedra CF que custaría a metade das actuacións necesarias para renovar o manto verde do campo.
"Se finalmente a contía fora superior, desde a institución provincial comprometémonos a abonar a metade do importe total", aclarou o vicepresidente.
A Deputación entende que, ao tratarse dunha instalación municipal, o outro 50% terá que ser asumido polo Concello de Pontevedra.
Para Rafa Domínguez, o estado do céspede de Pasarón "non é aceptable" para a imaxe do club e da propia cidade porque "se queremos ascender ao fútbol de elite non podemos ter un céspede de rexional".
Domínguez, que defendeu que a Deputación é a administración pública que máis apoio presta ao Pontevedra CF, cun convenio anual de 160.000 euros, reiterou que o club granate necesita unhas instalacións "á altura desa ambición".
O desexable sería, sostivo, que Pasarón tivese un céspede "digno" e o campo "que se merece" de cara ao comezo da temporada, aínda que a tramitación administrativa dunha actuación destas características fano inviable.
En todo caso, a concesión destes 160.000 euros serán aprobados no próximo pleno da corporación provincial, mediante unha modificación de crédito, e será unha "achega completamente extraordinaria", segundo o vicepresidente.
É dicir, serán "alleos" ao convenio anual entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra, que ascende a uns 2,5 millóns de euros e cuxo destino decide exclusivamente a administración municipal.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.