A Deputación financiará íntegramente a obra de mellora da mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón

Poio
06 de maio 2025

A obra conta cun investimento de máis de 720.000 euros e inclúe a renovación do pavimentado, dotación de servizos, iluminación LED, soterramento de instalacións de subministracións e sinalización

20250506 Patxot angel moldes luis lopez 0231
20250506 Patxot angel moldes luis lopez 0231 / Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, asinaron este martes o convenio do Plan Extra para financiar as obras para recuperar a contorna tradicional e mellorar a mobilidade peonil entre Combarro e San Xoán.

Será, concretamente, nas rúas Cela e O Padrón, en Combarro, e na travesía de Casalvito, en San Xoán, onde executará unha actuación integral coa que busca mellorar a calidade de vida dos veciños, ademais de crear novas zonas de comunicación con Combarro de forma máis segura e como alternativa á PO-308.

A actuación excede os 720.000 euros, e o Concello empregará 545.000 euros de fondos do Plan Extra complementados con 183.000 euros do plan Máis Provincia, polo que a administración provincial finaciará integramente a actuación.

Moldes agradeceu ao presidente da Deputación de Pontevedra "ese apoio incondicional que dá a todos os concellos" e, neste caso en particular, como alcalde de Poio o respaldo a esta "actuación tan importante que vai a conectar dúas parroquias, a de San Xoán e a de Combarro", creando un acceso seguro, fundamentalmente para as "mariscadoras, turistas e peregrinos".

Luis López e Ángel Moldes
Luis López e Ángel Moldes   Mónica Patxot

Esta obra recuperará o entorno tradicional de Casalvito, e dará unha nova entrada ao conxunto histórico de Combarro.

O proxecto, que conta cun investimento de máis de 720.000 euros, permitirá transformar estas rúas en espazos máis accesibles e seguros, eliminando barreiras arquitectónicas e creando unha plataforma única.

Ademais, renovarán o pavimentado e dotarán a zona de novos servizos, iluminación LED, sinalización e soterramento de instalacións de subministracións "eses servicios que moitas veces, nunha obra parece que non lucen porque son esa parte interior, pero que, como todos os proxectos, é unha das partidas mais importantes", destacou o alcalde.

Estas rúas contan con gran interese tanto veciñal como turístico, ao situarse xunto ao centro histórico de Combarro e ser paso da variante espiritual do Camiño de Santiago.

É por iso, que a actuación tamén contempla a mellora do acceso á praia do Padrón e a posta en valor do patrimonio cultural da zona, utilizando materiais sensibles coas contornas tradicionais con "acabados en pedra, nos entornos dos lavadoiros, dos cruceiros e tamén no acceso pola praia", dixo o alcalde.

Ángel Moldes, alcalde de Poio
Ángel Moldes, alcalde de Poio    Mónica Patxot

Unha vez conseguidos os fondos, o goberno local xa traballa na redacción dos pregos de contratación para iniciar as obras canto antes.

"O proxecto é un acerto", afirmou o presidente da Deputación para dar os parabéns ao rexedor polo impulso desta obra ao tempo que destacou cuestións "decisivas" coma "esa conexión coa mellora da PO-308 e proxectos pequenos pero grandes como os aparcamentos disuasorios para dar solución aos veciños e á xente que se achega a Combarro, que é unha referencia na provincia".