A Deputación de Pontevedra reforzará este ano os plans de Acción Comunitaria cunha ampliación orzamentaria próxima ao catro millóns de euros para atender a elevada demanda rexistrada na convocatoria de 2026.
O presidente provincial, Luís López, anunciou esta medida este luns, explicando que o incremento económico permitirá elevar en 2,24 millóns de euros a dotación do programa +Aqua, destinado a mellorar as infraestruturas das comunidades de usuarios de auga, e noutros 1,7 millóns a do plan Provincia Comunitaria, orientado á modernización de sedes e equipamentos de asociacións veciñais.
Con esta ampliación, a institución provincial pretende que todas as solicitudes que cumpran os requisitos administrativos poidan acceder ás axudas.
"Ninguén vai quedar sen axuda", asegurou Luís López.
Os orzamentos iniciais de ambos os plans, fixados en 1,44 millóns de euros cada un, aumentarán até alcanzar os 3,14 millóns no caso de Provincia Comunitaria e os 3,6 millóns para +Aqua.
Cada entidade beneficiaria poderá recibir unha subvención de até 10.000 euros.
A decisión responde ao notable incremento da demanda. Segundo explicou o presidente provincial, nos dous primeiros anos de funcionamento destes programas concedéronse algo máis de 900 axudas, unha cifra similar ao número de solicitudes recibidas unicamente na convocatoria deste ano.
Por iso, a Deputación optou por reforzar o financiamento para dar cobertura a todas as peticións que superen o proceso de avaliación.
Os plans de Acción Comunitaria inclúen ademais o programa +Novaqua, destinado a impulsar a regularización administrativa das traídas veciñais de auga.
O presidente provincial reiterou o compromiso da Deputación con este modelo de colaboración e animou tanto ás comunidades de usuarios como aos concellos, competentes en materia de abastecemento, a participar con propostas que permitan seguir mellorando estas liñas de axuda.
Na súa opinión, a cooperación entre administracións pode contribuír a reforzar de forma significativa a xestión deste servizo esencial.