A Deputación aproba 2,6 millóns de euros en investimentos en nove concellos, turismo e deportes

Pontevedra
21 de abril 2025

Este luns a administración provincial tamén aprobou o convenio de colaboración coa Real Federación Galega de Fútbol, por valor de 120.000 euros, para organizar a Copa Deputación 2025

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, compareceu este luns en rolda de prensa para dar conta dos 2,6 millóns de euros mobilizados na Xunta de Goberno celebrada á primeira hora da mañá, a primeira desta semana pois o Executivo provincial volverá reunirse este venres.

Segundo detallou o presidente, hoxe a Deputación aprobou 2,1 millóns de euros en recursos do Plan Máis Provincia 2025, para que nove concellos realicen investimentos. Son A Cañiza, Dozón, Mos, Vilaboa, Tui, Poio, Porriño, Ribadumia e Valga.

O goberno provincial segue avanzando na repartición de fondos da +Provincia, "o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación", que xa leva distribuídos preto de 21 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

Este luns a administración provincial tamén aprobou o convenio de colaboración coa Real Federación Galega de Fútbol, por valor de 120.000 euros, para organizar a Copa Deputación 2025.

Tras uns anos de parón en 2024 recuperouse esta proba deportiva, "de enorme popularidade entre o fútbol base e de categorías da provincia", segundo indicou o presidente.

Na copa masculina participan todos os equipos da provincia, adscritos ás delegacións de Pontevedra, Santiago e Vigo, inscritos nas distintas divisións da categoría afeccionados de ámbito autonómico, e, pola súa banda, na feminina os equipos da categoría sénior feminino de ámbito autonómico adscritos ás mesmas delegacións.

En función da categoría na que compitan, os equipos reciben contías que abarcan entre os 250 e os 400 euros, iguais tanto para os equipos masculinos como para os femininos. Ademais, a Deputación de Pontevedra faise cargo, entre outras cuestións, de sufragar os gastos asociados das arbitraxes e dos premios, tanto da fase previa como das eliminatorias e da final.

Ademais, dentro do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, a Deputación de Pontevedra aprobou hoxe fondos por un importe de 250.000 euros para que o concello de Rodeiro constrúa unha nova pista de pádel e o de Tomiño reforme os vestiarios no campo de fútbol de O Alivio.

RAPA DAS BESTAS

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén adxudicou este luns, "por algo máis de 130.000 euros" o contrato para a creación dunha plataforma museográfica virtual de posta en valor da Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada) como recurso turístico.

A través deste proxecto, que se enmarca no Plan de Sustentabilidade Turística do Destino Deza-Terra de Montes e que conta cun orzamento total de 2 millóns de fondos Next Generation, contémplase o deseño, subministración e instalación de 61 elementos de sinalización intelixente nos itinerarios pedestres, así como a posta en marcha dun software na nube e a creación de contidos vinculados a esta "manifestación cultural inmaterial de gran relevancia para a provincia, que é ademais de Interese Turístico Internacional".

Esta actuación, para a que a Deputación asinou un convenio coa Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, únese a outros proxectos para dinamizar esta festa incluídos no plan. Entre eles destaca a proposta de renaturalizar a carballeira do Campo do Medio.

ANIVERSARIO

Como anécdota o presidente da Deputación de Pontevedra regalou a todos os xornalistas asistente á rolda de prensa unha bola de pan de Rodeiro, o seu concello natal e do que foi alcalde. Luís López cumpriu este sábado 47 anos e celebrouno obsequiando pan do mesmo xeito que fixese o ano pasado aínda que entón comprara as bolas na Panadaría Jesús e nesta ocasión foi no outro obrador que hai no municipio, a panadaría Feijóo, que non ten nada que ver coa familia do presidente nacional do PP, segundo aclarou Luís López.