Alcaldes, concelleiros e deputados socialistas de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Barro, Caldas e Portas participaron nun acto reivindicativo en Vilaboa para reclamar compromisos en firme da Deputación de Pontevedra coa futura Vía Verde entre Pontevedra e Arcade.
Nas últimas semanas, o Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible mostrouse receptivo á posibilidade de converter nunha vía verde estas vías ferroviarias en desuso e oPP pediu compromisos en firme ao Goberno central. Agora, o PSOE súmase ás peticións, pero dirixidas á Deputación e a Xunta.
A través deste acto, o grupo provincial do PSdeG-PSOE presentou unha moción que levará ao pleno da Deputación para esixirlle ao Goberno provincial que se poña a traballar no proxecto.
A iniciativa socialista tamén propón a conexión desa futura Vía Verde coa Vía Verde do Salnés, a través de Barro Caldas e Portas. Como resultado, crearíase un trazado de 57 quilómetros que "convertería á provincia de Pontevedra nunha referencia española e europea de vías verdes".
O acto de Vilaboa estivo encabezado polo secretario xeral provincial, David Regades. Acudiron os alcaldes de Vilaboa, César Poza, e Caldas, Jacobo Pérez; a deputada autonómica Paloma Castro; o deputado provincial Gregorio Agís e os concelleiros Iván Puentes (Pontevedra), Silvia Cernadas (Soutomaior) e José Sanmartín (Barro).
David Regades explicou que a Deputación de Pontevedra ten un legado, o traballo de Carmela Silva durante o anterior mandato, no que se puxeron en servizo os case 10 quilómetros da Vía Verde do Salnés, entre Vilagarcía, Caldas e Portas. A Deputación realizou esta obra en solitario "porque a Xunta negouse a cumprir un convenio que viña dunha década atrás" e o seu papel "quedou limitado a unha pequena e tardía actuación reparando unha ponte en Portas".
Gregorio Agís considera que esta moción era "imprescindible" unha vez que o actual presidente da Deputación, Luís López, "está arrastrando os pés e se dedica a poñer todo tipo de escusas, mesmo pedindo financiamento ao Ministerio de Transportes, cando é evidente que esta actuación corresponde á Deputación".
"O problema para López é que por primeira vez lle toca liderar algo", critica Agís, "porque leva dous anos obsesionado con colgarse todas as medallas das actuacións herdadas do anterior Goberno e repetindo sen cesar a palabra municipalismo como única bagaxe; agora hai que remangarse e convencer a Alfonso Rueda de que hai que apoiar esta obra".
A moción propón á Deputación que inicie o procedemento de solicitude formal ante o Ministerio de Transportes para a cesión das vías entre Pontevedra e Arcade, xuntando o compromiso firme de redactar o proxecto e executar as obras da Vía Verde.
Ademais, insta á Deputación a reclamar un convenio coa Xunta de Galicia para que o Goberno galego achegue o 35% do importe da obra.
Tamén pide ao goberno provincial que se dirixa ás Alcaldías de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Portas, Caldas de Reis e Barro para asinar un convenio de colaboración.