A Deputación de Pontevedra acaba de lanzar a nova plataforma Move.gal, unha iniciativa que busca visibilizar e modernizar o pequeno comercio local de 19 concellos da provincia para adaptalo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías.
Os concellos participantes son os de Campo Lameiro, Cuntis, A Illa de Arousa, Portas, Vilaboa, Meis, Moraña, Mondariz, As Neves, Arbo, Rodeiro, Pontecesures, A Guarda, Catoira, Covelo, Crecente, Oia, Pazos de Borbén e Forcarei.
En concreto, Move, que xa está accesible, integra a rede de comercio local da provincia e serve para que os comerciantes e hostaleiros estreiten vínculos coas persoas produtoras e provedoras locais.
Esta iniciativa é pioneira na provincia e está enmarcada nos proxectos "Da túa man" (rural I e rural II), financiados con fondos NextGenerationEU.
O seu obxectivo é dar visibilidade aos comercios e establecementos hostaleiros locais e aos produtos de quilómetro 0, especialmente no rural, así como promover a economía de proximidade a través dunha plataforma na que todos os axentes do comercio local estreiten vínculos con produtores e provedores e poidan darse a coñecer, compartir e establecer relacións comerciais e novas oportunidades de negocio.
A plataforma conta cunha parte pública, na que a cidadanía poderá acceder a contidos xerados polos comercios, hostaleiros e provedores locais.
Ademais, ten unha parte privada á que poden acceder os comerciantes, hostaleiros e produtores locais para buscar provedores próximos, interactuar con outros negocios da provincia para emprender proxectos conxuntos, aprender sobre estratexias comerciais en Internet, afondar en temas como o márketing, a tecnoloxía, a sensibilización ambiental, coñecer de primeira man a experiencia de expertos nesas materias e formular iniciativas comúns a través dunha ferramenta de comunicación interna.
Para adherirse a Move, só hai que cubrir un formulario en liña de solicitude. Poden facelo os comercios locais e establecementos hostaleiros que desenvolvan a súa actividade nos municipios participantes nos proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), así como os produtores e provedores locais que desenvolvan a súa actividade na provincia de Pontevedra. En ambos os dous casos, a plataforma está aberta á participación tanto de autónomos como de pequenas e medianas empresas.