A Deputación investirá 275.000 euros na mellora da estrada Marcón-Pintos-A Reigosa

Ponte Caldelas
26 de setembro 2025
Actualizado: 31 de outubro

A administración provincial estudará a posible transferencia de titularidade ao Concello de Ponte Caldelas dun tramo da estrada provincial EP-0203 Caritel-Anceu

Andrés Díaz e Belén Cachafeiro na estrada Marcón-Pintos-A Reigosa
Andrés Díaz e Belén Cachafeiro na estrada Marcón-Pintos-A Reigosa / Deputación de Pontevedra

A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, visitou este venres a estrada provincial EP-0004, que conecta Marcón, Pintos e A Reigosa.

Tratábase de supervisar de primeira man o tramo onde a Deputación de Pontevedra vai investir preto de 275.000 euros co obxectivo de mellorar a seguridade viaria.

Acompañada polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, Cachafeiro percorreu esta vía que une dito municipio con Pontevedra.

Segundo explicou a deputada, que tamén é alcaldesa de Forcarei, esta actuación responde a unha petición que o alcalde Díaz expuxera hai xa varios anos, e que agora o goberno de Luís López decidiu pór en marcha.

As obras centraranse nun tramo de aproximadamente un quilómetro, entre os puntos quilométricos 3+300 e 4+200.

Neste tramo levarán a cabo traballos como o fresado do firme actual, a súa reposición con novo asfalto e a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical, co obxectivo de reforzar a seguridade e garantir un servizo viario de calidade.

Durante a súa visita a Ponte Caldelas, Cachafeiro tamén se comprometeu a estudar a posible transferencia de titularidade dun tramo da estrada provincial EP-0203, que une Caritel e Anceu, tal como solicitou o alcalde Díaz.