A Deputación mobiliza 2,5 millóns para dinamizar a lingua, benestar social e cooperación con concellos

Pontevedra
06 de xullo 2026

Inclúe axudas para 61 entidades culturais, fondos para seis concellos dentro do Plan +Provincia, a contratación de actividades do programa +Convivir e o reforzo de teleasistencia e conciliación

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobou na Xunta de Goberno Provincial un paquete de medidas por valor de 2,5 millóns de euros centrado na dinamización da lingua galega, a acción comunitaria, a cooperación cos concellos e o benestar social.

O presidente provincial, Luís López, detallou este luns os acordos, que inclúen axudas directas, investimentos municipais e servizos sociais centrados na conciliación e na atención ás persoas maiores ou dependentes.

No ámbito lingüístico, o organismo provincial deu luz verde á repartición de 150.000 euros entre 61 entidades culturais sen ánimo de lucro de 28 concellos para promover o uso do galego.

Estas axudas permitirán desenvolver iniciativas como proxectos de toponimia, creación audiovisual, certames literarios, recitais ou accións para fomentar o uso da lingua no comercio. López subliñou que "defender o galego é defender a nosa historia".

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a contratación, por 225.000 euros, de actividades infantís e xuvenís dentro do programa +Convivir para os próximos dous anos.

Esta iniciativa busca reforzar o tecido asociativo e combater o illamento, especialmente no rural, mediante xornadas de convivencia con talleres e propostas lúdicas dirixidas a familias.

Tamén están incluídas actividades dirixidas a promover valores como a participación, o respecto ambiental e o uso responsable das novas tecnoloxías.

Luís López tamén informou da aprobación dun investimento de 1,65 millóns de euros con cargo ao Plan +Provincia para Oia, Moaña, Redondela, Vilaboa, A Guarda e Campo Lameiro.

Campo Lameiro recibirá 60.000 euros para facer fronte á subministración eléctrica de todas as instalacións de titularidade municipal e Vilaboa obterá 445.000 euros para a mellora e ordenación de diferentes vías nas súas parroquias.

Oia contará 62.000 euros para a adquisición de terreos e a construción dunha nave municipal destinada a gardar maquinaria de uso forestal; Moaña disporá de preto de 90.000 euros para dous proxectos diferentes, e Redondela, 265.000 euros para investimento municipal.

En materia de benestar social, a Deputación adxudicou por preto de medio millón de euros o servizo de teleasistencia domiciliaria para os próximos dous anos en municipios de menos de 20.000 habitantes.

Este recurso atende a ao redor de mil persoas dependentes, con atención permanente e dispositivos con xeolocalización, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida.

O presidente provincial aproveitou tamén para facer balance das políticas de apoio á conciliación, que no actual mandato suman máis de 63 millóns de euros.

Entre as principais actuacións figura o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ao que a Deputación destina 2,9 millóns de euros para apoiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Esta achega permite mellorar a atención ás persoas dependentes e garantir un servizo esencial especialmente no rural.

López tamén subliñou a importancia da teleasistencia domiciliaria, á que se destinan 500.000 euros para atender durante as 24 horas do día a ao redor dun milleiro de persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade.

En materia de conciliación, o presidente provincial destacou a importancia do Centro Príncipe Felipe e do Centro Vacacional da Lanzada, onde este verán participarán 1.540 menores. A iso súmase o programa Lecer en Familia, que recibiu unhas 10.000 solicitudes.

Tamén sinalou o investimento previsto de 3,5 millóns de euros para modernizar a escola infantil de Príncipe Felipe, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e as condicións de uso deste recurso para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

López incidiu en que estas políticas buscan acompañar ás familias en todas as etapas da vida e reforzar a cohesión social en toda a provincia.