A Deputación modernizará o padrón municipal de 59 concellos da provincia

Pontevedra
23 de xullo 2025
Actualizado: 12:45

Esta iniciativa conta cun orzamento dun millón e medio de euros e está financiada na súa totalidade polos fondos europeos

Intervención de Javier Tourís
Intervención de Javier Tourís / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha o programa +Rueiro, que ten como obxectivo a modernización dos padróns municipais mediante a elaboración dun censo de vivendas en 59 concellos da provincia.

Esta iniciativa conta cun orzamento dun millón e medio de euros e está financiada na súa totalidade polos fondos europeos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Hoxe en día, os padróns municipais non permiten coñecer o número de habitantes dunha poboación en tempo real, senón de forma mensual.

Este feito, unido á falta dun censo actualizado e unificado de rúas, edificacións e outros tipos de inmobles non se adecua ao contexto tecnolóxico actual, o cal ofrece unha multitude de funcionalidades de maior eficacia.

O obxectivo é que cada concello conte cunha base de datos de vivendas que estará unificada a nivel estatal. Para iso crearase unha plataforma para que cada concello poida xestionar o seu rueiro e mantelo actualizado.

O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, mantivo unha xuntanza cos concellos da provincia para divulgar este novo proxecto que, segundo sinalou, dá resposta a unha demanda histórica municipal, especialmente en municipios pequenos.

"Buscamos brindarlles ferramentas eficaces aos concellos, adaptadas ás súas circunstancias, para facilitarlles a realización de xestións", dixo Javier Tourís.

O deputado detallou que esta solución tecnolóxica vai crear unha base de datos final de máis de 342.000 vivendas, 221.000 fogares e 570.000 persoas que se plasmará nunha plataforma cos datos de cada un dos concellos.

Para Javier Tourís será "sen dúbida algunha, unha ferramenta que nos vai permitir seguir avanzando no noso compromiso co municipalismo", reducindo a fenda tecnolóxica existente nos pequenos concellos e "avanzando na transformación dixital e na modernización da provincia".